O equipo Infantil do Santiago Futsal cae eliminado da Minicopa tras unha gran imaxe dos santiagueses
O equipo Infantil do Santiago Futsal non puido con Montesinos Jumilla, que gañou 2-5 nos cuartos de final da Mini Copa Infantil que se está disputando en Logroño en paralelo á Copa de España.
O partido comezou con dous equipos moi nerviosos na pista, e tratando de gozar o máximo posible desta experiencia. Ao catro minutos, Alberto puxo por diante aos santiagueses tras un gran gol, pero os nervios xogaron unha mala pasada e os murcianos déronlle a volta ao marcador minutos despois. Antes do descanso chegou o empate dos galegos tras un disparo de Pablo que se coou entre as pernas do porteiro.
Tras o descanso, o Santiago Futsal encaixou dous goles en apenas un minuto, e a partir de aí, o dominio do partido foi dos santiagueses, que tocaban o balón, tendo o dominio e numerosísimas ocasións para recortar distancias, atopándose en fronte ao porteiro de Jumilla, que foi un muro e salvador do seu equipo. O balón non quixo entrar, nin sequera tras gozar de dous dobres penaltis e nunha xogada a balón parado chegou o quinto e definitivo para Montesinos Jumilla que certificou o seu pase ás semifinais.
Desde o club queremos agradecer a todos os afeccionados e pais dos nenos por compartir con eles esta gran experiencia, que a pesar da tristeza do momento, gardarán no seu recordo para sempre. A gran imaxe do equipo santiagués non debe embazar o resultado final, e é un orgullo para o club nosa gran canteira que continúa formando xogadores para xeracións futuras. Dar o parabén aos nenos e corpo técnico polo seu excelente traballo e animalos para que continúen traballando na mesma liña.
Ficha do partido
Santiago Futsal Infantil: Diego, Pablo, David, Xoel, David (cinco inicial), Ezra, Víctor, Aitor, Martínez, Alberto Mirás, Juan, Alejandro Vázquez, Alberto Carazo e Alejandro Márquez
Montesinos Jumilla Infantil: Juanmi, Yanko, Raúl, Víctor e Fermín (cinco inicial), Juan Antonio, Alfonso, Antonio, Mateus, Alejandro, Ildefonso e Diego
Goles: 1-0 Alberto (min 4), 1-1 Yanko (min 7), 1-2 Yanko (min 13), 2-2 Pablo (min 15), 2-3 Yanko (min 21), 2-4 Yanko (min 21), 2-5 Víctor (min 34)











