O Entroido en Vilagarcía comeza ao grande coa actuación de once comparsas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vilagarcía abre o Domingo de Entroido a programación na hora de Don Carnal e farao cun esperado espectáculo: O Certame de Comparsas no que, tamén este ano, intervirán algunhas das agrupacións con máis tradición da bisbarra. Vilagarcía, Vilaxoán, O Grove, A Illa e Vilanova estarán representadas no festival no que actuarán once chirigotas.

As coplillas máis críticas e satíricas sobre a actualidade ou sobre calquera outra temática volverán a soar este ano no Auditorio con motivo do Certame de Comparsas do Entroido que se celebrará o domingo, 2 de marzo, a partir das 17:00 horas no Auditorio. Ata preto das oito da tarde irán pasando polo escenario as dez comparsas que participan oficialmente no festival e a cada unha das cales a Concellería de Cultura compensará con 300 euros. Os primeiros en actuar serán Os Garoulos do Grove, seguidos de As Vellas Glorias de Vilanova e Os da Baiuca, tamén do municipio meco. A representación de Vilaxoán comezará coa actuación dos Trancheiros, seguidos de As Máis Plus, de O Grove, O Xoubal, de Vilaxoán e Leña verde do Grove. O Xornal Criticón, de Vilagarcía tamén se sobe este ano ao escenario do Auditorio, ao igual que a comparsa Armonía, da Illa de Arousa; e Marajota e Media, de Vilaxoán que ademais este ano conmemora o seu vinte aniversario.

As bases do certame establecían un número máximo de participantes en 10 agrupacións. Non obstante, este ano actuará fora de concurso unha agrupación máis,. Trátase de Os Arrombados, de O Grove, que non cumprían o requisito das bases en canto a número de integrantes, pero que solicitaron participar de xeito gratuíto para poder actuar nun dos festival de comparsas máis multitudinarios da provincia.

A entrada ao Certame de Comparsas é libre e de balde, aínda que, como xa se fixo o ano pasado, o acceso controlarase para respectar o aforo da sala que conta con 754 butacas. Por motivos de seguridade e tamén de comodidade do público, o persoal do Auditorio entregará un ticket a cada persoa que entre ao Auditorio ata completar as prazas. Os asistentes deberán conservar o boleto e entregalo cando abandonen o Auditorio, a efectos de que o persoal poida saber que quedan prazas vacantes e para deixar entrar ás persoas que poidan estar esperando.

A Concellería pretende que o maior número de persoas poida gozar da actuación das dez comparsas que toman parte no festival por iso permitirá a entrada de máis xente ao Auditorio na mesma medida na que se vaian producindo saídas da sala, xa que hai moita xente que non presencia o certame completo, senón que só acode a ver a determinadas comparsas.

2 de marzo de 2014 | 10:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.