publicidade hoxe

O enterro da Cicloxénese Explosiva en Cambados dará paso ó tempo de primavera soleada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

Hoxe, mércores de Cinza, vaise proceder ó tradicional enterro da Sardiña, que este ano irá acompañada por unha personaxe de negrísima actualidade como é a temible Cicloxénese Explosiva. Ás 18.30 horas, na praza do Concello, os asistentes ás honras fúnebres poderán degustar doces típicos de Entroido elaborados pola asociación de Amas de Casa Albariño.

Ás 19 horas, darase lectura ó sermón e abrirase a marcha funesta dende a praza do Concello, pasando antes por avenida de Vilariño, avenida de Madrid, rua Real, praza de Fefiñáns, a comitiva da a volta de novo cara rúa Real e por rúa Príncipe cara A Calzada, de novo praza do Concello, logoavenida de Galicia ata desembocar por Catro Camiños na praia de San Tomé onde se vai incinerar a Cicloxénese para que non volva arremeter contra as nosas castigadas costas. Unha vez cumprido o trámite, xa cambian as previsión meteorolóxicas dando conta dunha mellora aprezable no clima que vai dar paso a unhas xornadas de primavera soleada.

O presbítero que se atope de garda dará lectura ós correspondentes responsos e daralle a extrema unción ás treboadas da Cicloxénese, antes de que pase a ser alimento do lume purificador. Para o sepelio convócouse ás forzas vivas, viuvas e viuvos alegres, carpideiras, boys, gogós e todos os que a queiran despedir. As marchas fúnebres serán divertidas e irreverentes, coma sempre, e agárdase unha gran concurrencia tendo en conta que o gran público pouco puido disfrutar do Entroido, por culpa da defunta que hoxe vai arder.

5 de marzo de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.