O edil de Seguridade de Santiago defende que “ninguén” lle “chamou” a declarar na Operación Pokémon

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O concelleiro de Seguridade e antes de Medio Rural no Concello de Santiago, Luis Bello, defendeu que, “por agora, nunca ninguén” lle chamou a declarar, malia que a xuíza que instrúe a Operación Pokémon, Pilar de Lara, sospeita que traballadores de Aquagest se “concertaron” con funcionarios e concelleiros, entre eles el mesmo, para conseguir unha adxudicación. Ademais, Vixilancia Aduaneira solicitou que se citase como imputado a este edil por outro contrato municipal.

“Eu sempre dixen que o que quero é deixar traballar á Xustiza, do que se fala é de algo que aconteceu hai un ano e medio e, por agora, nunca ninguén me chamou”, manifestou Luis Bello ao ser preguntado sobre se teme ser reclamado pola Xustiza como imputado a raíz do contido sumarial que transcendeu coa nova entrega de tomos. “O único que podo dicir é que traballe a Xustiza”, abundou.

Preguntado sobre o contido do informe, Bello declinou “facer valoracións sobre iso” e, ao ser interpelado sobre se defende o proceso de adxudicación, Luis Bello limitouse a dicir: “Os informes de Vixilancia Aduaneira din iso, pero…; eu non vou facer declaracións sobre ese tema”.

A titular do Xulgado número 1 de Lugo considera, a raíz de informes de Vixilancia Aduaneira, que o concelleiro de Santiago Luis Bello pactou con técnicos de Aquagest a adxudicación de dúas obras. Os supostos delitos que se cometerían neses procesos serían de “branqueo, fraude, exaccións ilegais, tráfico de influencias, uso de información privilexiada e intervención fraudulenta en contratacións públicas”.

31 de marzo de 2014 | 15:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.