O edil compostelán de Deportes cre que se “sacaron de contexto conversacións”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Adrián Varela xunto a outros membros do goberno compostelán

Adrián Varela xunto a outros membros do goberno compostelán

O edil de Deportes de Santiago, Adrián Varela, asegurou este mércores que as conversacións incluídas no sumario da ‘Operación Pokémon’ están “sacadas de contexto” e afirmou que as conclusións de Vixilancia Aduaneira e o seu reflexo nos medios de comunicación “son nesgadas”, porque non inclúen as “xustificacións” que el mesmo deu en relación ás cuestións das que se lle acusa.

Así o apuntou, en declaracións aos medios, tras as revelacións de novos tomos do sumario da ‘Operación Pokémon’, nos que Vixilancia Aduaneira asegura que o edil mediou en favor de Vendex e Aquagest para que conseguisen adxudicacións municipais, así como para contratar certas persoas.

Sobre esta cuestión, que Adrián Varela cualificou de “absolutamente falsa”, o edil afirmou que, no marco da instrución, el mesmo “xustificou debidamente” a súa actuación, algo que “non sae por ningún lado”.

De feito, Varela sinalou que as conclusións de Vixilancia Aduaneira “son nesgadas” e que “se sacan de contexto conversacións”. “Ao longo dos últimos meses dixéronse cousas que si que son certas e das que non me sinto orgulloso, polas que me desculpei, pero se dixeron auténticas barbaridades e se sacaron de contexto conversacións”, apuntou.

O concelleiro de Deportes indicou que “no seu momento” actuará “en consonancia” con estas afirmacións de Vixilancia Aduaneira e o seu reflexo na prensa, que “haberá que demostrar”. Do mesmo modo, considerou que “non” é necesario dar explicacións públicas por esta información. “O que teño que dicir fareino onde me teño que defender”, sentenciou Varela, que sinalou que a súa permanencia no goberno local está “na mesma situación”.

Sobre unha conversación intervida xudicialmente entre Varela e a popular Paula Prado, sobre o suposto incremento dunha factura municipal, o edil indicou que “non lle consta” que isto se producira e que “para poder opinar” sobre esta conversación debe coñecela previamente.

26 de marzo de 2014 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.