publicidade hoxe

O director das Termas de Chavasqueira e Outariz destaca en Catoira o potencial do manancial das Lombas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O director das Termas de Chavasqueira e Outariz (Ourense), os destinos termais máis populares de Galicia, estivo esta semana Catoira para coñecer o manancial das Lombas e as súas posibilidades de explotación.

A visita de Pablo Villuendas é a primeira dun programa de entrevistas programadas polo Concello con persoas e potenciais investidores relacionados co sector termal, co obxectivo de mostrar e poñer en valor o recurso con que conta Catoira. Así, Villuendas, acompañado do alcalde, Alberto García, e Francisco Candela, asesor turístico, puido comprobar in situ as características das augas mineiro-medicinais localizadas no novo manancial, das que destacou as súas propiedades curativas e o poder de atracción que teñen para levar adiante proxectos e lanzar produtos –como, por exemplo, auga envasada en recipientes de temática viquinga, ou a reactivación da fábrica de xabóns- que permitan desestacionalizar o turismo da zona.

Outra das vantaxes con que conta Catoira, segundo destacou Pablo Villuendas, é a “excelente localización, nun enclave fermoso e moi próximo ás principais cidades galegas, contando, ademais, con moi boas comunicacións”. Neste sentido, recomenda “crear prazas hoteleiras e asocialas ás augas mineiro-medicinais, comezando cun circuíto lúdico con tratamentos, para, posteriormente, desenvolver unha instalación balnearia.”

Aínda que as circunstancias económicas actuais non son óptimas, Pablo Villuendas considera que “o peor xa pasou, e en Galicia hai investidores e diñeiro dispoñible para levar adiante un proxecto de explotación do manancial en Catoira”.

21 de marzo de 2014 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.