O departamento vilagarcián de Xuventude completa as 30 prazas para os cursos “what’s up?” de conversa en inglés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O curso de conversa en inglés “What’s Up?” organizadoo pola Concellería de Xuventude co obxectivo de proporcionar á mocidade unha ferramenta máis para mellorar as súas condicións de empregabilidade contou cunha excelente acollida xa que a 30 prazas ofertadas completáronse na súa totalidade. Ademais, 25 dos participantes son mozos e mozas en situación de desemprego que optar pola actividade formativa para incrementar as súas posibilidades laborais.

O departamento que dirixe Sandra García subvenciona o curso de conversa en inglés que se ofertou ao alumnado ao prezo reducido de 20 euros. Dado que a iniciativa pretendía axudar especialmente á mocidade que busca emprego e, polo tanto, carece ou conta con escasos recursos, as persoas desempregadas só terán que abonar a metade da cota, é dicir, 10 euros.

Os cursos organízanse en dous grupos de 15 alumnos. Cada grupo asistirá un día día á semana ás clases (luns uns e venres os outros) con sesións de hora e media de duración. As clases comezarán a vindeira semana, prolongaranse ata o mes de xuño e serán impartidas por Ian Barry, profesor irlandés que exerceu en varios colexios de Irlanda, así como co colexio Peñarredonda da Coruña e no Chester College de Santiago e que que leva anos ensinando en Vilagarcía. Ao remate do curso os alumnos someteranse a unha avaliación para obter o certificado de aproveitamento.

Con esta iniciativa, a Concellería de Xuventude pretende facilitar á mocidade a apertura de novos camiños no mundo laboral, nun momento no que o dominio de varias linguas supón un instrumento básico para a mellora das posibilidades de inserción laboral ou mellora de emprego, xa que debido á intensificacións das transaccións comerciais, cada vez son máis as empresas nacionais que demandan traballadores con coñecemento de idiomas, especialmente de inglés; ademais da utilidade que o coñecemento desta lingua ten para o sector turístico local de cara á unha maior internacionalización da súa clientela.

Coas clases de conversa “What’s Up” preténdese reformar e ampliar os coñecementos de inglés para que os alumnos poidan comunicarse axeitadamente. A través do curso, os alumnos poderán perfeccionar a súa competencia lingüística, coñecer e utilizar correctamente o ritmo, entoación e acento nunha conversa, adquirir os coñecementos básicos sobre os verbos en inglés e aprender vocabulario útil para o día a día, así como memorizar as expresións máis comúns usadas para falar de pertenzas ou cantidades.

As listas de admitidos pódense consultar na concellería e no taboleiros de anuncios da web municipal.

5 de marzo de 2014 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.