O departamento de medio ambiente de Vilagarcía celebra o Día da Árbore cos alumnos da gardería do Hospital do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O 21 de marzo é o Día Internacional da Árbore, unha conmemoración que a Concellería de Medio Ambiente do Concello celebrará este ano de forma conxunta cos alumnos da Escola Infantil do Hospital do Salnés. Será coa realización dunha plantación no parque da Coca de varios exemplares de especies autóctonas que os propios nenos se encargarán de colocar.

A Concellería que dirixe Jesús Longa adquiriu os exemplares de carballos, castiñeiros, bidueiros e álamos novos cos que se ampliará a masa forestal do parque da Coca. O persoal de Medio Ambiente tamén colabora nesta iniciativa xa que eles foron os encargados de preparar o terreo nos que se realizará a plantación, de xeito que mañá, cando os cativos cheguen cos seus profesores e familias, apenas leven traballo.

Con esta actividade conxunta, a Concellería de Medio Ambiente pretende contribuír a sensibilizar á poboación infantil sobre a importancia das árbores, o coidado do medio ambiente e o respecto á natureza.

21 de marzo de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.