O delegado territorial da Xunta en Ourense presenta “Á xente que quero, recoméndolle Galicia”

Rogelio Martínez durante a presentación da campaña
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentou hoxe en rolda de prensa a nova campaña de Turismo para este 2014 que ten un novo slogan en versión castelán: “Si te han recomendado Galicia es que te quieren” e en galego “Á xente que quero, recoméndolle Galicia”. Na comparecencia Rogelio Martínez estivo acompañado pola xefa territorial de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Mª Sol Díaz Mouteira, e o xefe da área de Turismo de Galicia, Antonio Aguarón.
Martínez explicou que a nova campaña é complementaria da que leva por título ‘Galicia, o bo camiño’ e que evidencia agora un agradecemento dos visitantes arredor a todos eses motivos que fan de Galicia un destino idóneo. “Quen mellor que os propios turistas satisfeitos para contalo desde a súa experiencia?”, dixo. “E quen mellor que os galegos para para prescribir o destino?”, engadiu.
Rogelio Martínez indicou que a provincia de Ourense conta con numerosos atractivos para recomendala como destino turístico “sen arriscarnos a equivocarnos”, pero asegurou que todos eses ingredientes precisan “dunha receita axeitada para a promoción, difusión e dinamización destes valores patrimoniais, culturais, paisaxísticos, etnográficos e mesmo gastronómicos. Esta receita é a nova campaña que estou a presentar”.
Así o delegado territorial explicou que a rodaxe da campaña realizouse percorrendo as catro provincias galegas e potenciando atributos como a gastronomía, a paisaxe, o turismo de saúde, os Patrimonios da Humanidade, o turismo rural, a hospitalidade ou a calidade dos nosos produtos.
A campaña divídese en tres fases e desenvolverase ao longo do ano a través dunha estratéxica combinación de soportes e accións on e off line a nivel autonómico, nacional e internacional. Como medios de comunicación complementarios para a difusión desta campaña cóntase cos suplementos dominicais e outros para públicos específicos, e serán medios tácticos de campaña a prensa escrita, a radio, as revistas e a publicidade exterior.
A primeira fase ou ola, a da Semana Santa, estase a desenvolver ata o día 16 de abril co obxectivo de incentivar as visitas cara a Galicia na contorna máis inmediata. Neste caso empregaranse os principais suplementos dominicais e específicos, prensa escrita, radio e internet.
Entre os días 21 e 30 de abril, buscaranse as visitas do público nacional cara ás pontes de maio, dirixindo a presión publicitaria a toda España con reforzo no mercado nacional en suplementos, prensa, radio e internet. Xa para a época estival, entre as primeiras datas do mes de xuño e o 15 de xullo, buscaranse as estadías longas na nosa comunidade autónoma.
A derradeira fase da campaña terá lugar entre os días 15 de setembro e 5 de decembro, para buscar a ocupación nas pontes e fins de semana do outono, como un dos xeitos previstos este ano de incentivar a desestacionalización do turismo nas épocas de menor demanda. A campaña nesta última ola centrarase nas comunidades limítrofes con Galicia e a propia comunidade galega.
Accións especiais e 900 millóns de contactos publicitarios
A campaña pode chegar a alcanzar os novecentos millóns de contactos publicitarios e conta con accións especiais como o caso dunha acción combinada pola que 44 autobuses urbanos de Madrid, circularán por 41 liñas distintas, lucindo a campaña de Turismo de Galicia nas súas traseiras, de xeito integral. Ademais, Turismo de Galicia percorrerá algunhas das principais cidades de España e recolleranse a pé de rúa as testemuñas e recomendacións de todos os fans de Galicia. Dese xeito, deseñouse un recinto especial co nome Galicia de cine que se desprazará por diversas cidades españolas.
Gravaranse todas as persoas que queiran recomendar Galicia e contar os motivos polos que a elixen como destino turístico. Entre todas as testemuñas, Turismo de Galicia buscará os protagonistas das pezas publicitarias que se emitirán nas seguintes fases da campaña. Ademais, todas e todos aqueles que visiten o recinto galego poderán participar no sorteo de estadías turísticas en Galicia.
Estas e outras testemuñas recollidas na internet poderán verse no sitio galicia.es, onde ademais se articulará unha grande acción promocional da campaña baixo o reclamo “Sé a persoa que máis recomenda Galicia do mundo”. Quen o desexe poderá deixar a súa mensaxe recomendando Galicia nesta web, nas súas redes sociais e en todas as canles que considere oportunas: “todo sumará para chegar a ser a persoa que máis recomendou Galicia no mundo”. Quen o consiga poderá gozar dun premio dunha viaxe a Galicia dunha semana de duración.











