O delegado do Goberno visita as obras de reparación da escollera de Vilariño, en Cangas

Samuel Juárez na visita ás obras en Cangas
Hoxe o delegado do Goberno Samuel Jesús Juárez visitou acompañado polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo e na que tamén estiveron presentes o subdelegado do Goberno Antonio Coello e a xefa Territorial de Costas Cristina Paz- Curbera, o concelleiro de Obras Bernardino Faro e o concelleiro de Facenda Pío Millán. A visita tiña como obxecto o seguimento das obras de reparación dunha escollera na praia de Vilariño.
O delegado e o rexedor cangués coincidiron en destacar a urxencia desta actuación debido a que os fortes temporais que recalaron en Galicia este inverno fixeron importantes danos na infraestructura que ameazaba a seguridade da vía que bordea o areal. Sotelo agradeceu a Juárez esta primeira visita a vila de Cangas como delegado do Goberno así como a realización desta actuación que en palabras do rexedor “pon solución ao mal estado no que estaba esta infraestructura debido en gran medida aos fortes temporais dos últimos meses que lograron desprazar as pedras da escollera de protección da estrada”. Neste mesmo sentido expresouse Juárez que sinalou que esta actuación, valorada en 40.000 euros, está financiada co crédito extraordinario aprobado polo Goberno de España o pasado mes de febreiro dotado con 44 millóns de euros para levar a cabo a reparación dos danos producidos polos fortes temporais por toda a franxa cantábrica. Esta media recolle actuación en 120 municipios e en 100 praias en sete provincias da costa norte de España.
Juárez manifestou a importancia destas obras “que afectan a paseos, accesos a praias, escolleras como neste caso que é preciso resolver antes de verán”, destacando a relevancia do sector turístico en moitas destas zonas costeiras afectadas, “polo cal son traballos que deben realizarse canto antes” recalcou ante a proximidade das datas estivais, aclarando que é moi difícil que as obras queden concluídas antes de Semana Santa.
Para finalizar a visita o alcalde de Cangas fixo entrega ao delegado do Goberno dun agasallo e convidouno a repetir a visita para coñecer o santuario castrexo de O Facho, un dos lugares máis emblemáticos da vila.











