O delegado da Xunta en Ourense entrega os diplomas de formación a 62 desempregados que participaron en catro cursos

Rogelio Martínez na entrega de diplomas
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, foi o encargado de entregar os diplomas dos cursos de accións formativas para desempregados (AFD) que o ano pasado a Consellería de Traballo e Benestar outorgou a entidades do grupo Academia Postal da cidade de Ourense, dirixido por Francisco Nóvoa quen tamén asistiu ao acto.
Un total de 62 alumnos beneficiáronse de 4 cursos AFD nos que a Xunta investiu case 291 mil euros. Os desempregados que participaron nestes cursos formáronse en actividades administrativas na relación co cliente, actividades de xestión administrativa, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e docencia da formación profesional para o emprego.
No transcurso do acto de entrega de diplomas, Martínez subliñou que o obxectivo prioritario deste programa é a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados naqueles sectores estratéxicos que require o sistema produtivo e que requiren as empresas.
O delegado territorial salientou a importancia da formación como “aspecto clave para conseguir o obxectivo final de reducir as taxas de desemprego”. Rogelio Martínez engadiu que as administracións públicas “debemos achegar a formación necesaria e adaptala ás demandas do mercado laboral”.
Estas accións formativas son o instrumento da Xunta de Galicia para ofrecer, segundo indicou Martínez, “a persoas desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo, capacitándoas para traballar en sectores laborais que presentan uns niveis de empregabilidade máis altos”.
Rogelio Martínez felicitou aos alumnos e alumnas pola consecución destes cursos formativos e desexoulles que o título obtido “sirva para conseguir o traballo que esperades”.
En total, ao longo do ano pasado, a Xunta investiu 8,7 millóns de euros nun total de 190 destas accións formativas das que se beneficiaron máis de 2.800 alumnos da provincia de Ourense.











