O Consorcio de Augas do Louro aplica bonificacións a familias numerosas e exencións a persoas en situación de exclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Consorcio de Augas do Louro, formado pola Xunta de Galicia e os concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, está levando a cabo a elaboración dun novo padrón único para os catro concellos cos abonados aos servizos de abastecemento, sumidoiros e depuración de augas residuais. Logo desta actualización, o Consorcio prevé a emisión dos primeiros recibos, que se corresponden cos servizos prestados durante os meses de xaneiro e febreiro deste ano, dentro dunhas semanas, e neles poderanse apreciar importantes diferenzas respecto dos recibos que se viñan aplicando con anterioridade.

En primeiro lugar, emitirase un recibo único, que incluirá tanto as taxas de abastecemento como as de sumidoiros e depuración, así como o Canon da Auga autonómico.

En segundo lugar, e como norma xeral, a liquidación das taxas realizarase a partires do consumo real medido no contador, sen consumos mínimos, e en función do número de persoas que fagan uso desa auga. No caso de que nunha vivenda non haxa instalado ningún aparello contador e supoñendo que nela convivan tres persoas, o consumo estimado que se reflectirá no recibo será de 14 metros cúbicos por cada mes.

En cambio, se na mesma vivenda conviven mais de tres persoas, poderase acreditar nas oficinas do Consorcio de tal xeito que as tarifas que se apliquen teñan en conta este feito e resulten inferiores.

Para os abonados que non dispoñan de aparello contador, as ordenanzas contemplan un prazo de tempo ate o 30 de xuño deste ano para solicitar, en calquera das oficinas do Consorcio, a súa instalación. A partires do momento no que o contador estea instalado, o Consorcio farase cargo da súa lectura periódica, mantemento, conservación e incluso á súa substitución, se fose necesario, sen que isto último supoña ningún gasto adicional para o abonado. Por contra, os abonados domésticos que non teñan solicitado a súa instalación antes do 30 de xuño, veranse penalizados.

En terceiro lugar, estas ordenanzas fiscais contemplan deducións do 50% para familias numerosas, así como exencións para aqueles abonados que acrediten atoparse en risco de exclusión social. Estas dúas situacións pódense acreditar tamén presentando a correspondente solicitude nas oficinas do Consorcio.

O Consorcio pretende, deste xeito, incentivar o uso responsable da auga, facendo que se vexan beneficiados tanto os abonados que teñan consumos de auga razoables como aquelas vivendas nas que conviva un número elevado de persoas.

27 de marzo de 2014 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.