O Consorcio As Mariñas lanza o I premio José Luís Muruzábal para recoñecer a innovación na saúde mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

“Alí onde esteas, sempre lembrarémosche”. Así empezaba o presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso, a presentación do I Premio José Luís Muruzábal, iniciativa que recoñecerá ás experiencias innovadoras en materia de saúde mental.

O certame, creado polo Consorcio, leva o nome do fundador da Asociación Prol Enfermos Mentais (APEM), falecido o ano pasado e que destacou pola súa loita en favor deste colectivo. Por iso o ente supramunicipal, co seu Plan Coordinador de Servizos Sociais, lanzou este premio para pór en valor o traballo no ámbito.

Santiso, acompañado na presentación, que tivo lugar na sede de APEM, por María Antonia Pérez, actual presidenta e viúva de Muruzábal, e por Ignacio Crespo, responsable do Plan Coordinador e concelleiro de Oleiros, anunciou a apertura do prazo para optar ao premio, dotado con 2.000 euros. Os participantes poden presentar a súa proposta até o 31 de xullo deste ano.

O premio créase co fin de promocionar o desenvolvemento de actuacións, proxectos e experiencias no ámbito da integración sociolaboral e da atención ás persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, premiando a aquelas que teñan un carácter máis innovador.

O xurado do certame estará conformado por un conxunto de técnicos especialistas na área. Haberá psicólogos, médicos ou pedagogos de diferentes Concellos da comarca e de institucións como o Hospital de Oza.

A presidenta de APEM non puido conter as bágoas na presentación ao lembrar ao seu marido. “Estaría orgulloso do camiño que hoxe se comeza, non porque leve o seu nome, senón polo que supón para pór en valor este traballo”, asegurou.

Santiso comentou que puido constatar que en todos os municipios, nos diferentes sectores ou partidos políticos, gárdase un gratísimo recordo de Muruzábal. “E esa unanimidade non é nada fácil”, concluíu.

O acto de presentación finalizou co público en pé, entre o que se atopaba a vicepresidenta do Consorcio, Alejandra Pérez, así como concelleiros e técnicos dos Concellos, lembrando cun sonoro aplauso a José Luís Muruzábal.

20 de marzo de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.