O conselleiro de Industria visita as instalacións de Bosh en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Conde na visita ás instalacións

Conde na visita ás instalacións

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a presenza da multinacional Bosch en Vigo deixa constancia de que a comunidade conta cun entorno idóneo para investir e para acoller empresas competitivas a nivel internacional, e é un exemplo de como “unha aposta por Galicia permite á empresa crecer e permite a Galicia crecer”.

Na súa visita ás instalacións de Bosch Communication Center, división do grupo de orixe alemán Bosch que presta servizos de valor engadido a empresas, salientou que a compañía ten a súa central para a península e América en Vigo, cidade na que emprega de forma directa a máis de 1.800 persoas. Destacou tamén que Bosch Communication Center continúa a medrar e a poñer en marcha novos proxectos moi orientados a melloras de procesos tecnolóxicos, e impulsando a innovación e a excelencia operativa nos servizos, ao tempo que aposta polo capital humano e inviste na súa formación.

Así, Bosch Communication Center está a destinar preto dun millón de euros á modernización da súa plataforma de comunicacións, o que supón o reforzo da compañía en Vigo, medrando en emprego e en novos servizos aos seus clientes baseados nas máis modernas funcionalidades de comunicacións intelixentes e optimizando o rendemento á vez que se incrementa o número de proxectos a executar.

O Igape apoia esta iniciativa a través da liña de grandes investimentos empresariais, mediante a cal, tal e como subliñou o conselleiro, que estivo acompañado polo director do Igape, Javier Aguilera, e a delegada da Xunta, María José Bravo, se aprobaron o ano pasado un total de 34 proxectos que supoñen a mobilización de investimentos por 157 millóns de euros e a creación ou o mantemento de preto de 3.000 empregos.

A esta liña de apoios, que forma parte do abano de medidas postas en marcha pola Consellería de Economía e Industria para impulsar a atracción e a dinamización de investimentos, tanto de empresas xa asentadas como daquelas que queiran establecerse en Galicia, dálle continuidade o novo programa Galicia inviste, aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de abril.

4 de marzo de 2014 | 15:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.