O Concurso de Disfraces de Brión reunirá o domingo a máis de 400 participantes
O polideportivo municipal de Pedrouzos acollerá este domingo 9 de marzo o tradicional Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Brión, no que a día de hoxe xa están anotados máis de 400 participantes. Unha vez pechado o prazo de inscrición, dende a organización calculan que a cifra de participantes superará os 450, contando coas anotacións que tradicionalmente se fan o mesmo día do concurso na Casa da Cultura, entre as 15:00 e as 16:00 horas.
Ás 16:30 horas partirá o Desfile de Entroido da Carballeira de Santa Minia, xa que as boas condicións meteorolóxicas permitirán a súa celebración despois de tres anos de ausencia. Así, todos os participantes no concurso farán un percorrido polas rúas de Pedrouzos, concretamente entre a Carballeira de Santa Minia e o polideportivo municipal. Aló terá lugar o Concurso de Disfraces, no que se repartirán 2.200 euros en premios. Unha vez rematado o concurso terá lugar unha gran Festa de Disfraces, amenizada pola orquestra Abanico.











