O concurso de disfraces da Laracha celebrarase mañá no pavillón do IES
O Concello da Laracha decidiu que a verbena e o concurso de disfraces de Entroido de mañá martes se celebren nas instalacións do pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís en lugar da Praza do Concello, tal e como estaba programado inicialmente.
O motivo do traslado é a previsión de choiva para toda a xornada de mañá, o que dificultaría en gran medida o desenvolvemento da actividade festiva ao aire libre.
Non sufrirán modificacións os horarios. A verbena, amenizada pola orquestra Trébol, comezará ás 17.30 horas e no descanso da mesma, en torno ás 18.30, será o desfile do concurso de disfraces, no que o Concello da Laracha repartirá máis de 2.600 euros en premios nas diferentes categorías.
As persoas, parellas, grupos e comparsas que desexen participar no certame poderán anotarse no Concello entre as 16.30 e as 17.30 horas. Os xa inscritos tamén deberán acudir ao Concello antes das 18.00 horas a recoller os correspondentes dorsais.











