O concerto de Pablo Díaz, “Toc, toc” converterá o Jofre nun auténtico espectáculo infantil
O público infantil encherá o Teatro Jofre o vindeiro domingo, día 23 de marzo, para asistir ao concerto de Pablo Díaz “Toc toc, a chamada á porta do mundo dos nen@s”. A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia organizan este espectáculo que comezará ás 18.00 horas e que é de acceso gratuíto para as persoas que previamente tiveran retirado as súas entradas (xa non hai billetes disponibles).
“Toc toc” é o segundo traballo do músico e literario Pablo Díaz. As súas composicións son unha chamada á defensa do medio ambiente, a paz, a protección dos animais, a ilusión da chegada do Apalpador no Nadal, a fantasía do mundo dos piratas, etc. Letras que combina con ritmos de rock, pop, folk e soul. O álbum de Pablo Díaz presenta quince temas de nova composición e dúas cancións con letras de temas tradicionais como “O piollo e a pulga” e “Mazarico”. Unha banda composta de guitarra, baixo, batería, clarinete e gaita; e as voces de Pablo Díaz e Olga Kirk fai unha proposta que busca achegarse aos nenos dunha forma lúdica e intelixente, co galego como lingua de expresión.











