O Concello do Grove avanza cara a aprobación inicial do PXOM esta primavera

Encarnación Rivas na reunión co alcalde do Grove. Foto: X. Crespo
A secretaria xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, recibiu o pasado venres ao alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, co fin de analizar o Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) do Plan Xeral deste municipio pontevedrés.
Durante a reunión de traballo a secretaria xeral, que estivo acompañada dos técnicos da administración autonómica, trasladou ao alcalde e membros do equipo redactor a importancia de alcanzar neste concello un modelo urbanístico baseado nun crecemento ordenado e en consonancia co Plan de Ordenación do Litoral (POL).
Neste senso o encontro serviu para consensuar criterios, consultar dúbidas e analizar con detalle a totalidade das indicacións recollidas no IPAI e no Informe POL, ambos emitidos simultaneamente o pasado 12 de febreiro, e nos cales se solicitaba ao concello que xustificase debidamente ou clarexase con maior detalle parte das propostas presentadas.
Pola súa parte a celeridade coa que o concello analizou os dous informes e solicitou á Secretaria Xeral unha nova reunión técnica, dan boa conta do interese da administración local por axilizar a tramitación. A intención do concello é proceder á aprobación inicial do documento nesta primavera, previo paso pola Secretaría Xeral co fin de corroborar se os criterios acordados e as indicacións requiridas e clarexadas no encontro, foron introducidas no documento de planeamento
Pasos cara á aprobación inicial
Encarnación Rivas explicou que trala aprobación inicial do PXOM polo pleno municipal a continuación será exposto ao público durante e meses para a presentación de alegacións. Simultaneamente o concello solicitará as distintas administracións a emisión dos informes sectoriais, os cales son preceptivos e vinculantes.
Unha vez analizadas as alegacións presentadas, as que sexan aceptadas serán incorporadas no documento do PXOM, así como as resultas dos informes sectoriais emitidos. Será a partir deste documento cando o concello presentará unha proposta de Memoria Ambiental que será emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Alcanzada esta fase, o concello xa estará en condicións de aprobar provisionalmente en Pleno o documento e remitilo á Xunta para aprobación definitiva.
Planeamento vixente
Na actualidade, o Concello de do Grove réxese por una Ordenación Urbanística Provisional vixente dende 2002 ata a entrada en vigor dun novo planeamento.
Dende novembro de 2009, data do contrato do novo Plan Xeral, o Concello está a revisar o documento que conta cunha axuda da Xunta que ascende a 216.000 euros.











