O Concello de Vilagarcía remata as melloras nas instalacións deportivas e culturais e na rede de saneamento de Faxilde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello remata estes días varias mellora no lugar de Faxilde. As actuacións centráronse nas instalacións deportivas e socio culturais, así como na rede de saneamento e foron realizadas a través da Fundación de deportes nun caso e da Brigada de Obras noutro. Con estas obras aténdese ás peticións que os responsables dos colectivos veciñais da zona transmitiron aos membros do goberno local na visita que estes realizaron recentemente á zona.

Ademais das melloras realizadas no interior, fiestras e nos accesos do pavillón de deportes, a Fundación de Deportes tamén se encargou esta semana de acondicionar os baixos do centro sociocultural limpando a superficie de terra botando unha placa de formigón. Deste xeito ademais de facilitar o tránsito ao eliminar unhas pozas que se xeraban cando chovía, tamén se permite unha mellor utilización deste espazo cuberto para a realización de actividades.

En canto aos traballos realizados pola Brigada de Obras, estes consistiron en diversas actuacións para mellorar o funcionamento da rede de saneamento que rexistraba varios problemas por atascos. Ademais de limparse as conducións, os operarios tamén repasaron todas as tragantes, arquetas e sumidoiros. Para facilitar o tránsito do caudal de fecais e evitar atascos e desbordamentos, construíuse un pozo de rexistro intermedio na Rúa Sobrán que permitirá limpar de xeito máis eficiente os tramos da rede de saneamento. Os traballos nas canalizacións deste servizo básico continuarán a vindeira semana.

7 de marzo de 2014 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.