O Concello de Vilagarcía arranxa as varandas do balneario e do parque da Compostela
Co esperado regreso do bo tempo, o Concello pon en marcha algunhas actuacións de mellora que se demoraron máis do previsto debido ás persistentes chuvias dos últimos meses. Operarios do servizo de Obras e a brigada de tarde afánanse estes días do arranxo das varanda do Balneario e da balaustrada da Compostela. Nas vindeiras semanas realizaranse outras actuacións para que o entorno do paseo e os areais presenten a súa mellor imaxe para que veciños e visitantes poidan gozar deles nas mellores condicións.
Os operarios do servizo de Obras traballan esta mañá no arranxo da varanda de inox que separa a terraza do Balneario da Compostela da zona do parque. Este elemento protector para salvar o desnivel entre a terraza e o xardín foi obxectivo dos vándalos que a tombaron en case toda a súa extensión. Os traballos quedarán listos entre hoxe e mañá.
Ademais, a brigada de tarde tamén actuará no tramo da balaustrada que rompeu ao caer sobre el unha ponla dunha árbore nun dos últimos temporais. Dada ó estreito paso que existe no lateral do parque, no extremo contiguo ao Balneario, e a súa distancia á seguinte entrada ao xardín, o Concello optou por deixar aberta a balaustrada no tramo que rompeu para dispor dunha nova entrada que aporte máis comodidade aos peóns e usuarios destas zonas de esparexemento. Así, os traballos a realizar pola brigada consistirán en rematar ámbolos dous extremos da balaustrada e en afianzar os elementos.
Estas non son as únicas actuacións que está previsto realizar nas vindeiras semanas no contorno do paseo marítimo, as praias da Concha Compostela e o parque. A semana pasada xa se procedeu ao cortado da herba da zona de pradeiras máis próxima ao paseo marítimo, agora estase actuando nas varandas e a continuación procederase a mellorar os desaugues do pavillón de servizos. Tamén se acometerá unha limpeza en profundidade dos areais para eliminar os restos dos temporais e peneirar a area para retirar as cunhas de marisco morto.











