O Concello de Vilagarcía apoia como iniciativa local de emprego o proxecto de coworking de 3 exalumnas do obradoiro
No marco das diversas actividades e iniciativas que se están a poñer en marcha a través do Departamento Integrado de Formación e Emprego de Vilagarcía, o Concello vén de formalizar o seu apoio á Iniciativa Local de Emprego (ILE) dun innovador proxecto promovido por tres exalumnas do Obradoiro de Emprego Vista Alegre I celebrado o ano pasado. As emprendedoras, co acompañamento e asesoramento do DIFE e constituíron a cooperativa DallequeDalle para desenvolver este innovador proxecto de Coworking, pioneiro na comarca.
A iniciativa consiste en ofrecer a profesionais, emprendedores e Pemes de diferentes sectores compartir un espacio físico, medios materiais e servizos, para a realización das súas actividades mediante o establecemento dunha comunidade na que os participantes podan desenvolver os seus proxectos individuais, así como fomentar outros conxuntos aproveitando as sinerxias. Este sistema de xestión de espazos de traballo compartido permite aforrar custes, facilitar o desenvolvemento de novas actividades empresariais e tamén terá como obxectivo dinamizar e impulsar diferentes proxectos de ámbito cultural e formativo.
A Xunta de Goberno Local aprobou solicitar á Xunta de Galicia a declaración deste proxecto emprendedor como ILE dado que reúne os requisitos de promover a creación de emprego dende unha empresa privada de nova creación a través dun proxecto innovador relacionado cunha actividade económica emerxente. O apoio do Concello a esta Iniciativa Local de Emprego vai máis alá, xa que a través da Concellería de Traballo e Benestar, tamén se colaborou coa cooperativa poñendo a disposición das tres mulleres emprendedoras un local no Centro de Formación de Matosinhos no que puideron traballar na fase de elaboración do proxecto. Ademais, os técnicos do DIFE prestaron apoio e asesoramento na fase inicial da iniciativa tendente a axudar ás promotoras a constituír a cooperativa, cumprimentar os trámites legais e buscar liñas de axuda.
A declaración do “Vilagarcía Coworkingspace” co mo Iniciativa Local de Emprego suporá que o proxecto empresarial poderá concorrer ás liñas de financiamento específico coas que conta a Xunta de Galicia para estimular este tipo de proxectos emprendedores e innovadores.
O Coworking é unha nova forma de traballar que se está implantando no mundo e que empeza a camiñar en España. Na comarca do Salnés aínda non existe ningunha iniciativa deste tipo, estando a máis próxima en Pontevedra. Por iso, a proposta de DallequeDalle pretende ter un ámbito comarcal e ir máis alá dun mero compartir espazo, servizos e recursos materiais como poden ser (local, wifi, auga, fotocopiadora, equipos informáticos…), se non que tamén se convertirá nun espazo para a formación, para a realización de actividades e novos proxectos.
O VilagarcíaCoworkingspace emprazarase nun local de máis de 160 metros cadrados emprazado no mesmo centro de Vilagarcía. As instalacións dividiranse en dous espazos diferenciados: unha parte para a realización de traballo con postos independentes e tamén conxuntos, e outra destinado a espazo multiusos onde se poderán realizar talleres formativos, charlas, seminarios, etc…. Dentro do local haberá un espazo para chamadas en privado, cociña, sala oficce. Ademais, os usuarios compartirán servizos de secretaría e recepción, todo elo en base ao pago duns prezos moi competitivos e accesibles, que faciliten aos emprendedores a posta en marcha dos seus proxectos na fase inicial na que teñen que facer o maior investimento ata que o negocio comece a xerar beneficios.











