O Concello de Teo pídelle ó Consello Consultivo informe sobre a nulidade do contrato de abastecemento municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo vén de remitir ó Consello Consultivo a documentación relativa ó proceso de nulidade do contrato de abastecemento e saneamento municipal coa empresa Viaqua (antes Aquagest) para a emisión do correspondente ditame preceptivo. Ábrese un prazo dun mes para que este órgano resolva se procede a nulidade do citado contrato.

O Concello iniciou un expediente de revisión de oficio do acordo de ampliación do contrato de abastecemento e depuración de auga municipal aprobada no 2007, nun dos últimos plenos do mandato de Armando Blanco como alcalde. Esta revisión pretende a anulación deste contrato que se prorrogou por 20 anos no pleno do 30 de abril de 2007 dun xeito manifestamente ilegal, con informes técnicos que alertaban desa situación e o voto en contra de todas as forzas políticas agás o PP e InTeo. Esta revisión contou co apoio en pleno do grupo de goberno e o BNG e o PSOE mentras o PP e In Teo se abstiveron.

O envío da documentación realizouse tamén á Fiscalía de Santiago nesta semana xa que un dos informes xurídicos que obran neste expediente indica que é “conveniente aludir á posible relevancia penal derivada da adopción do acordo plenario discutido” en referencia á prórroga do contrato. A asesoría xurídica considera que as circunstancias observadas nesta ampliación poden levar a concluír que naquela decisión concorreron indicios de delito.

No verán do 2007, despois das eleccións locais nas que Martiño Noriega se converte en alcalde, o goberno municipal leva a pleno por primeira vez a revisión desta prórroga ilegal. Nesa sesión a proposta foi rexeitada con 7 votos en contra do PP e InTeo, 6 votos a favor do goberno e 4 abstencións do PSdG-PSOE. O pleno de agosto de 2007 ratificaba “de facto” a prórroga do citado contrato que se xestionou nos últimos anos “asumindo todas as obrigas e os poucos beneficios establecidos na mesma” segundo explica o edil de Urbanismo, Rafael Sisto.

A revisión destes acordo por parte do goberno municipal neste momento vén motivada por unha petición da empresa concesionaria do servizo dun incremento das tarifas presentada no 2013, que segundo os servizos xurídicos suporían unha nova modificación contractual que non se pode realizar. Dende o Concello enténdese que esta situación está incursa nunha causa de nulidade e por eso solicita que o Consello consultivo ditamine sobre a declaración da nulidade do acordo, como é preceptivo por lei.

5 de marzo de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.