O Concello de Teo acondiciona o vial entre Casal de Reis e A Ribeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo comezou esta semana os traballos de aglomerado no vial que une Casal de Reis e A Ribeira, na parroquia de Reis. Trátase dunha vía interna da parroquia cun alta densidade de tráfico que nestes momentos tiña o firme moi deteriorado. A obra está cofinanciada por Medio Rural a través do programa de mellora de camiños de titularidade municipal. Esta obra ten un orzamento cercano ós 60.000 euros.

Aproveitando o bo tempo na próxima semana tamén se agarda poder iniciar os traballos de mellora do vial en Socastro, na parroquia de Calo. Neste caso é unha obra cofinanciada a través do POS complementario, programa da Deputación da Coruña. O presuposto polo que se adxudicou está cercano ós 40.000 euros e tamén se fará en aglomerado en quente. Deste xeito, segundo explica o edil de Obras, Rafael Sisto, o arranxo queda garantido a medio e longo prazo e ademais trátase de estradas que precisaban esta reforma.

A maiores deste investimento de 100.000 euros no arranxo de viales o traballo diario da Brigada municipal tamén atende demandas no mantemento da rede vairia. Ademais de revisar zonas para bachear despois das numerosas choivas do inverno, nos últimos días estiveron facendo melloras en varias beirarrúas. Concretamente na zona de Vilar de Calo, xusto no límite co Concello de Ames no Milladoiro, ampliouse unha beirarrúa e deste xeito eliminouse unha fochanca que se formaba habitualmente coa choiva. Nesa zona de Calo tamén se estivo traballando na reposición de baldosas nas beirarrúas.

Pola súa banda na zona de Cacheiras rranxáronse tramos en accesos a garaxes utilizando formigón, un material que ten maior durabilidade e menor mantemento que as baldosas habituais. O uso deste sistema resulta máis recomendable sobre todo cando se trata de zonas de acceso a aparcadoiros xa que o desgaste dos vehículos é moito maior que o paso dos peóns.

 

 

13 de marzo de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.