O Concello de Soutomaior rehabilitará tres das “casas dos mestres” para usos culturais e de formación

Unha das “casas dos mestres”
O Concello de Soutomaior rehabilitará tres do seis casas que o Colexio Público de Educación Infantil Manuel PadínTruiteiro dispón para mestres. Tras a súa restauración, dúas dos edificios destinaranse ás actividades culturais da Banda Artística de Arcade e da súa escola de música.
Actualmente, estes inmobles atópanse baleiros e en moi mal estado polo que o Concello de Soutomaior decidiu recuperalos para o patrimonio inmobiliario local e poder darlles unha segunda vida. Nesta liña, a intención do goberno municipal é manter o obxectivo inicial para o que foron construídos estes inmobles, xa que unha vez terminada a súa rehabilitación destinásense para actividades culturais e de formación. En concreto, dous do tres edificios servirán como locais para as actividades da Banda Artística de Arcade.
O anteproxecto afronta a fase final da súa redacción e xa está prevista a solicitude á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para a reversión das casas 1, 2 e 3 do C.P.I. Manuel PadínTruiteiro a titularidade municipal.
A historia da Banda de Música Artística de Arcade dentro do panorama musical galego comezou en 1868, ano da súa fundación. Desde entón xa son case 150 anos os que esta agrupación vén percorrendo e amenizando as festas e verbenas de toda Galicia coas súas cancións e pasacalles. Na actualidade a banda conta con máis de 40 membros nas súas filas e máis de 70 alumnos, entre nenos e adultos, entre as 16 especialidades que se imparten na súa escola de música.











