O Concello de San Sadurniño impulsa o debate sobre as alternativas a SOGAMA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá o próximo sábado unha xornada técnica na que se exporán distintos modelos para o tratamento dos residuos sólidos urbanos. O obxectivo da sesión -que se desenvolverá durante toda a mañá-é debater sobre métodos de xestión alternativos ao modelo SOGAMA, de cara a explorar opcións para o tratamento do lixo que sexan máis eficaces, máis sustentables e máis baratas. Na xornada verase o exemplo de varios concellos doutras partes do Estado que implantaron procesos novidosos de recollida e procesado dos residuos. Ademais, ao encontro están convidados varios municipios galegos e tamén representantes dos catro grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia.

San Sadurniño busca desta maneira impulsar o debate sobre a busca de alternativas reais ao modelo SOGAMA auspiciado pola Xunta de Galicia e no que están integrados máis do 90% dos concellos galegos. Un modelo baseado na incineración que nos últimos meses bateu de fronte co municipalismo por mor do incremento nun 34% do canon que cobra a empresa pública por tratar o lixo.

Tralo rexeitamento inicial e as ameazas de insubmisión, algúns concellos puxeron enriba da mesa a cuestión de fondo de todo o asunto: ¿é SOGAMA viable desde o punto de vista económico e ambiental?. San Sadurniño vai máis aló e lanza unha batería de preguntas ás que lles quere dar resposta a curto prazo: ¿hai outras maneiras de tratar o lixo? ¿que custe teñen? ¿son sustentables desde o punto de vista ambiental e social? ¿serían asumibles e adaptables á realidade galega?.

A todas elas e ás que poidan xurdir no debate tentaráselles atopar cumprida contestación na xornada “O tratamento dos RSU a debate. Un problema ou unha oportunidade?”, que terá lugar este sábado 15 de marzo na Casa da Cultura de San Sadurniño a partir das 10 da mañá. Trátase dun encontro orientado principalmente a técnicos e cargos políticos dos concellos -aínda que está aberto a toda a cidadanía- no que se explicarán modelos distintos a SOGAMA que están funcionando con éxito no resto do Estado e tamén en Europa. Comunicaranse catro experiencias: a do concello madrileño de Rivas Vaciamadrid, baseada na valorización e reciclaxe cunha tecnoloxía que emprega vapor de auga; a da Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza, orientada á reciclaxe e á compostaxe do lixo orgánico; o modelo de San Sadurní d”a Noia, que foi pioneiro na recollida selectiva porta a porta e, por último, o sistema empregado nas cidades suecas de Motala e Linköping, que fan un aproveitamento enerxético do biogás proveniente dos residuos.

Trala quenda de exposicións abrirase unha mesa redonda a xeito de treboada de ideas moderada polo profesor da UDC Manuel Soto, á que están convidados representantes de ADEGA, da Sociedade Galega de Historia Natural e dos catro grupos políticos con representación no Parlamento galego: PP, PSOE, AGE e BNG. Ademais xa confirmaron a súa asistencia varios alcaldes da comarca e do resto de Galicia que, igual que San Sadurniño, estudan solucións alternativas a SOGAMA co obxectivo de telas operativas tan pronto como rematen os seus convenios coa empresa pública.

A xornada poderá seguirse por internet durante toda a mañá a través do Facebook e da conta en Twitter do Concello, @concellosansa, e co hashtag #alternativasogama. Tamén se pode obter máis información a través do teléfono 981 490 027.

10 de marzo de 2014 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.