O Concello de San Sadurniño e a ANPA municipal subscriben un convenio de colaboración por 4.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello e maila ANPA do colexio público asinaron este luns o convenio anual de colaboración que lle suporá á entidade unha achega de 4.000 euros. Trátase dunha axuda destinada tanto a gastos de funcionamento como á organización de actividades culturais e deportivas, como son as xornadas de fructicultura e apicultura, as sesións de psicomotricidade ou un curso de primeiros auxilios.

O convenio asinado coa ANPA estipula que os 4.000 euros do convenio municipal se pagarán en dúas veces: 2.000 euros despois da sinatura e outros 2.000 a finais de ano cadrando coa xustificación dos gastos das actividades desenvolvidas. O documento recolle no seu primeiro punto o compromiso da ANPA de organizar, como mínimo, a festa do Entroido, actividades polas Letras Galegas e cadrando cos magostos. 

Porén, cos cartos a ANPA tamén subvencionará a actividade de psicomotricidade de maneira que os alumnos e alumnas que participen nela só teñan que pagar un máximo de 5 euros. Ademais, a entidade colaborará economicamente coas excursións escolares achegando 300 euros para as de infantil e primaria e outros 600 para a de secundaria.

O convenio rubricado este luns polo alcalde, Secundino García, e a presidenta da entidade, Ana Belén Monteagudo, tamén reflicte o compromiso de organizar un curso de primeiros auxilios e unhas xornadas de apicultura -en colaboración coa delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura- dentro das actividades dirixidas a 1º e 2º de secundaria. 

Para o alumnado de 3º e 4º de secundaria tamén están previstas unhas xornadas de fructicultura coordinadas pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e outras sobre economía social e cooperativismo a cargo da Cooperativa de consumo responsable A Xoaniña.

Bolsas escolares

A sinatura do convenio coa ANPA do colexio público prodúcese tan só uns días despois de que se abrise o prazo para solicitar as bolsas de estudo e as subvencións para servizos de conciliación convocadas polo Concello. O total para este ano ascende a 20.000 euros, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia social. Esta cantidade distribuirase en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos a calquera servizo que axude a conciliar a vida familiar e laboral.

Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros. No primeiro caso a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de renda anual e só no caso en que estean escolarizados en San Sadurniño.

No segundo caso, o de estudos postobrigatorios, a renda familiar máxima está marcada en 18.000 euros/ano e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e, polo tanto, o alumnado ten que desprazarse fóra do concello. 

Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos valoraranse os tramos de renda da unidade familiar -máis puntos canto menos renda-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda.O prazo para solicitar as bolsas para estudos remata o 14 de abril.

Por outra banda as axudas para servizos de conciliación contarán cunha reserva orzamentaria de 3.000 euros. Están dirixidas a familias cunha renda que non supere os 22.000 euros anuais e que boten man de garderías ou servizos de atención á infancia en idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. 

A contía da bolsa será do 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 300 euros por fillo ou filla inscrito nalgún destes servizos. Neste caso o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 15 de novembro.

24 de marzo de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.