O Concello de Porto do Son recibe unha achega de 94.000 euros a diversas actuacións para a mellora do saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 94.502 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nunha visita ao municipio, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia supervisou as actuacións levadas a cabo con estes fondos, que serviron para conectar os colectores existentes que están en servizo na área de Nebra. Para iso, instalouse un pozo de bombeo no lugar de Orseño e unha tubaxe de impulsión desde o remate do colector existente, cruzando o río Quintáns ata chegar á aldea de Quintáns, onde se unirá co colector existente e que vai ata o punto de bombeo instalado nas proximidades da praia da Aguiera.

Oito municipios das comarcas do Barbanza, Muros e Noia beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que oito concellos das comarcas do Barbanza, Muros e Noia (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Carnota, Muros, Lousame, Outes e Porto do Son) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 241,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que tres deles dispoñen de preto de 17.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán 376.408 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, indicou.

Creación dunha nova área infantil en Portosín

Por outra banda, a máxima representante da Xunta na provincia aproveitou a súa estancia en Porto do Son para comprobar o resultado dos traballos para a creación dun novo parque infantil no núcleo de Portosín. O municipio recibiu unha achega de 37.554 euros para levar a cabo esta actuación. Neste caso, trátase dunha subvención concedida pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a mellora das infraestruturas de uso público.

O novo espazo atópase nas inmediacións da avenida da Constitución e da rúa San Andrés. O proxecto para dotar dun novo espazo de lecer para a infancia de 240 metros cadrados consistiu, por unha banda, na pavimentación do recinto con caucho e na instalación de diversos xogos infantís para o aproveitamento dos máis pequenos.

28 de marzo de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.