O Concello de Pontevedra reclama a reparación da Ponte Medieval de Ponte Sampaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A ponte medieval de Ponte Sampaio volveu sufrir, a pasada semana, un accidente automobilístico que destrozou de novo a zona afectada polo sinistro da pasada Noiteboa. Cabe sinalar que se trata dun vial e dun viaduto de titularidade autonómica, e que polo tanto é a Xunta de Galicia a responsábel da súa conservación e mantemento.

O Concello de Pontevedra iniciara a comezos de xaneiro os trámites para a restauración da zona afectada e mesmo encargou un proxecto valorado nuns 5.000 euros, que sería financiado con cargo ao seguro do vehículo que provocou o accidente. Daquela a Xunta de Galicia informou da súa decisión de acometer as obras, e mesmo reclamou o atestado da policía local cos datos do condutor e do seguro.

Pasados máis de dous meses sen que se realizase a obra (só se colocaron unhas fiadas de pedra), o pasado luns un coche volveu golpear a mesma zona provocando a caída ao río de pedras do pretil, e o desprazamento de outras. Ademais do dano patrimonial, a situación é moi perigosa porque non existe ningunha protección nin sinalización da zona accidentada.

Por este motivo, o Concello de Pontevedra, por medio do concelleiro responsábel de patrimonio histórico Luís Bará, urxe á Xunta de Galicia a aprobación do correspondente proxecto de restauración e a realización das obras coa máxima urxencia. Ao mesmo tempo, solicita que se tomen medidas de sinalización e advertencia da perigosidade deste punto, para evitar sinistros como os que se produciron nun espazo tan breve de tempo.

11 de marzo de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.