O Concello de Pontevedra apraza para o vindeiro sábado o desfile do entroido, e o Ravachol, para o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra acordou esta mañá aprazar os actos do entroido que se ían celebra hoxe pola tarde na rúa debido ás malas condicións meteorolóxicas. En concreto, o desfile de entroido. A decisión tomada de común acordo con comparsas, grupos, persoas individuais que participan habitual e historicamente no entroido pontevedrés, traslada para o vindeiro sábado, 8 de marzo, o desfile do entroido, e o enterro do Ravachol, para o domingo 9.

A Concellaría de Festas, coa concelleira Carme da Silva á cabeza, mantivo contactos durante a xornada de onte e a mañá de hoxe con comparsas, grupos, e persoas vinculadas historicamente ao entroido pontevedrés para ir valorando a situación meteorolóxica, e a posibilidade de variar a programación do entroido.

A decisión tomouse sobre as 12.30 horas de hoxe, apurando até a última hora e vendo a evolución meteorolóxica. Motivos de seguridade foron os que pesaron á hora de tomar a decisión dado que moitos grupos e comparsas, adoitan levar grupos electróxenos para iluminación, música en directo, megafonía que nestas condicións de chuvia poden supoñer un risco para participantes e espectadores. Ademais, non cabe duda que a incidencia da chuvia sobre estes equipos suporanlles un deterioro importante.

A Concellaría de Festas valorou distintas posibilidades sobre que facer co desfile, e finalmente acordouse aprazalo para o vindeiro fin de semana ante a previsión dunha melloría meteorolóxica a metade da semana e que -ao parecer- prolongarase durante todo o vindeiro fin de semana. O acordo consensuado foi aprazar para o vindeiro sábado, 8 de marzo, o desfile do entroido, manténdo a misma programación horaria que estaba prevista para hoxe:

• 16.00 horas Rúa Xosé Malvar. Concentración dos participantes no desfile para realizar a inscrición e recollida do número de participación

• 17.00 horas Desfile do Entroido. Saída dende a rúa Xosé Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e rúa Alameda

• 20.00 horas Praza da Ferraría. Celebración da festa do Entroido durante a que se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das modalidades.

Igualmente de común acordo, trasládase para o vindeiro domingo, 9 de marzo, o enterro do Ravachol, mantendo a programación prevista no programa de entroido.

• 12.00 horas Praza da Peregrina. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo

• 18.00 horas Praza da Verdura. Comezo do velorio de Ravachol na sala mortuoria. Prégase a asistencia de loito rigoroso

• 21.00 horas Saída do cortexo fúnebre dende a praza da Verdura acompañado do seu séquito e as comparsas Val do Lérez, Amoriños de Bora, Os Paparrulos, A Esmorga, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña percorrendo as rúas San Román, Ferraría, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantaría e praza da Ferraría

• VELADA INFAUSTA

Cabodano das honras fúnebres do fenecido Ravachol

Praza da Ferraría

Procederase á incineración do finado. Na súa honra terá lugar unha sentida coroa fúnebre, cun espectáculo necrolóxico.

Programa:

1º Introito coa lectura dunha elexía para o finado 2º Celme, danza da morte 3º Pola Vila, Recordos D’outrora 4º Val do Lérez 5º Incineración do loro Ravachol Agás estes cambios, a día de hoxe mantense o resto da programación de entroido tal e como está recollido no programa.

1 de marzo de 2014 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.