O Concello de Piñor celebra o Día Internacional da Muller
Son moitas as iniciativas que se levan a cabo a nivel municipal para traballar tanto a igualdade entre mulleres e homes como a prevención da violencia de xénero. O 8 de marzo é un deses días nos que non nos podemos esquecer de recordar a importancia dos cambios e melloras conseguidas pola muller. Para fomentar a igualdade entre a poboación e enfatizar o rol da muller na sociedade, celebrarase un acto conmemorativo polo Día da Muller Traballadora. Será o xoves 13 de marzo ás 20:00h no Salón de Plenos, e consistirá nunha mesa redonda de mulleres.
Se en anos pasados abordamos temas como a valentía da muller inmigrante/emigrante, a presentación do protocolo municipal para a acollida de persoas que se afincan na zona (Protocolo INTEGRA) ou a orientación laboral para as mulleres, este ano o acto adícase a esa muller traballadora que, ademais, é nai. Baixo o título “O reto de ser nai traballadora”, reunirase a mulleres que son nais e traballan fóra do fogar, pero que proveñen de situacións persoais diferentes: nai nunha familia tradicional (casada, que conta co apoio dunha parella), nai sola por condición forzosa (froito dunha separación) e nai sola por decisión propia (muller que decidiu adoptar sola a un neno para formar unha familia). Son situacións persoais moi diferentes, sen embargo, tamén teñen similitudes, como por exemplo, son nais que pasan menos tempo cos seus filos/as por mor do traballo. Todas elas compartirán as súas experiencias con nos: dificultades no seu rol de nai traballadora derivadas da súa situación persoal, aspectos positivos que perciben na súa situación, consellos que lle darían a unha muller que vai ser nai na súa situación persoal e laboral….
A idea é render unha homenaxe ás nais traballadoras e, sobre todo, comprendelas, escoitar qué necesidades detectan a nivel social para axudalas a compatibilizar a vida laboral e familiar, debater sobre a educación dos cativos na actualidade (pois tradicionalmente a cantidade de tempo que se pasaba con eles era moito maior), entre outras.
A mesa estará moderada por Miguel Guerra Rodríguez, psicólogo e profesor da UNED en Ourense, que ademais de facer unha breve exposición sobre os cambios na familia por mor da incorporación da muller ó eido laboral, tamén guiará ás participantes da mesa sobre as diferentes cuestións a tratar.
Finalmente, haberá unha degustación de pinchos gratuita para tódolos asistentes.