O Concello de Ourense expón a súa experiencia na rede europea de cidades termais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Concellería de Termalismo do Concello de Ourense participa na Xornada sobre Itinerarios Culturais Europeos que se desenvolve durante o día de hoxe na cidade da Coruña, organizada por Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Ourense foi convidada a participar na mesa de “Boas prácticas: proceso para ser socio dun itinerario cultural europeo e a experiencia desde o punto de vista da sociedade civil”, onde a xefa de servizo de Termalismo, Nita Torres relatará a experiencia ourensá como cidade membro do Itinerario Cultural de Cidades Histórico Termais. Con Ourense participarán tamén nesta mesa de boas prácticas os concellos de A Coruña e Catoria, membros de senllos itinerarios de cemiterios e rutas Vikingas.

A xornada ten como obxectivo dar a coñecer as características e vantaxes de formar parte dun itinerario cultural e ejemplos de boas prácticas a nivel rexional. Está dirixida a alcaldes, concelleiros e representantes das administracións locais, asociacións, entidades privadas e todas as persoas interesadas en preservar e difundir o patrimoniol cultural.

Ourense forma parte como membro fundador da EHTTA, asociación europea de cidades histórico termais, conxuntamente con cidades como Vichy, Acqui Terme, Bath ou Spa, entre outras, ata 25 en total. Nese marco organiza e desenvolve actividades de promoción do termalismo e das propias cidades, como foi o caso o pasado sábado, do Día Mundial da Auga, con actividades como unha cata de augas minerais e un monólogo teatralizado, a cargo da Escola Municipal de Artes Escénicas, nas Burgas.

Estas actividades desenvólvense no marco do proxecto SOURCES: unha iniciativa transnacional desenvolta ao abeiro do programa europeo CULTURA 2007-2013 con financiamento da Dirección Xeral de Cultura i Ensino da Comisión Europea. A participación de Ourense incluíu a celebración, o pasado 10 de setembro, dun congreso internacional baixo o nome “Segundo Café de Europa: Augas, peregrinacións, espiritualidade”, no que participaron profesionais de distintas disciplinas provintes de España, Portugal, Italia e Inglaterra.

25 de marzo de 2014 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.