O Concello de Ourense aproba as bases da 19ª edición do Festival de Cine Internacional que terá lugar do 15 ao 23 de novembro
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá as bases do concurso que rexerán o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O certame, que acada a súa décimo novena edición, repartirá un total de 17.000 euros en premios nas diferentes categorías competitivas, e afianza a cidade de Ourense tanto como capital do audiovisual galego como dentro do calendario de festivais de cine de referenza dentro do estado entre os días 15 e 23 de novembro.
A selección oficial a concurso está dirixida a películas de ficción, tanto de imaxe real como animada, que superen a hora de duración e estean producidas neste ano coma no anterior, non sendo estreadas comercialmente nin en calquera das plataformas dixitais de pago por visión.
A escolla das películas que formen parte do concurso oficial realizarase, como vén sendo habitual os últimos anos, entre as producións máis destacadas do cinema independente de todo o mundo e atendendo especialmente ás “películas máis tematicamente comprometidas e formalmente innovadoras”.
Un xurado, tamén de carácter internacional, será o encargado de repartir os premios nas diferentes categorías competitivas: 7.000 € para o Gran Premio Calpurnia á mellor película, 3.000 € para o Premio do Público, os mesmos cartos cos que está dotado o Premio ‘Carlos Velo’ ao mellor director, 2.000 € do Premio especial do xurado, 1.000 € ao Mellor Guión e igual cantidade para a Mellor Interpretación.
Xunto coa selección oficial, as bases establecen igualmente a existencia de ciclos paralelos -aínda por determinar, por máis que os clásicos Panorama Galicia ou Inédito en Ourense sexan, un ano máis, referentes dentro da programación non competitiva do OUFF-, homenaxes, sesións especiais e diferentes actividades paralelas orientadas a acercar os protagonistas do 19OUFF aos profesionais do audiovisual e ao público de Ourense.
O camiño cara ao 19OUFF
Coa aprobación das bases do Festival de Cine por parte do Concello de Ourense iníciase un camiño que decorrerá por diversas etapas escalonadas no tempo.
A primeira delas será a convocatoria de carácter internacional, que consistirá en espallar as bases do 19OUFF por todo o mundo e facer un chamamento ás principais produtoras e distribuidoras independentes de todo o mundo.
En 2013, a chamada do OUFF conseguíu reunir 215 filmes procedentes de 44 países diferentes.
O prazo para recibir as inscricións pecharase o vindeiro 1 de setembro, data a partir da que un comité de visionado traballará para elaborar unha proposta para o director de Programación e a organización do Festival contactando cos posuidores dos dereitos deses filmes para recibir uns materiais aptos para a súa exhibición coa mellor das calidades posibles para o espectador. Con todo o material recibido iranse conformando, así mesmo, os diferentes ciclos paralelos do 19OUFF.
Ao longo deste proceso debullaranse tamén outros aspectos do 19OUFF, coma o cartel, a figura homenaxeada esta edición, as películas de inauguración e peche, os espazos, etc. coa intención de superar os máis de nove mil participantes da edición de 2013 [9.383 persoas participaron das diferentes actividades do certame, destacando as 8.803 que acudiron ás salas de cine], na que se chegaron a programar un total de 42 títulos repartidos en 79 sesións diferentes.











