O Concello de Ourense agradece a implicación cidadá no Entroido 2014
Desde que o xoves de comadres, o 27 de febreiro, máis de 150 alumnos de Primaria de varios centros educativos da cidade encheron a Praza Maior de mecos, carreiras e moita diversión nas xa tradicionais regueifas, o Entroido aterrizou de cheo na capital ourensana para contaxiar o ambiente festivo en tódolos rincóns da cidade durante día e noite.
Con condicións climatolóxicas favorables durante a maior parte das actividades, e sobre todo, coa gran implicación da cidadanía por ser partícipes dun clima festivo no que a música e a animación se estendeu pola cidade, os actos organizados pola Concellería de Cultura enchéronse de cativos, familias e persoas de tódalas idades co único obxectivo de desfrutar e deixarse levar pola maxia do Entroido.
Unha Praza Maior ateigada gozou dun ocorrente pregón inaugural que completou, cheo de retranca, Diego Álvarez, da Asociación de Persoas Xordas de Ourense. Na mesma noite do venres, os temas pop rock de The Covers Band estreaban musicalmente un escenario que os seguintes días acollería música para todos os gustos, interpretada por orquestras do prestixio de América, que fixo bailar durante horas a noite do sábado a tódolos presentes.
Nestes días, catro sesións ao día de charangas e animación de rúa, obradoiros e festas infantís, e moita música entretiñan aos cidadáns mentres non chegaba o prato forte do Entroido: o desfile, que nesta edición batiu o récord histórico de participación con 77 comparsas con grupos de moi diversa índole e cunha alta calidade. O percorrido, que discorreu polas rúas Curros Enríquez, Xoán XXIII, Progreso e Praza Maior conseguiu manter a expectación dos asistentes durante tres horas. Ao remate, “Estrelas da noite” viu recoñecido o seu esforzo co máximo premio de comparsas, con 900 euros; e Isabel Feijóo sería coronada como raíña do Entroido, cun espectacular disfraz de Ave Fénix.
Xa o luns, festas infantís e máis animación durante o día, e música en directo da reivindicativa banda catalana Troba Kung Fu, que escolleu a Praza do Correxidor para presentar por primeira vez en Galicia o seu novo disco, Santalegría.
As charangas “Os centellas”, “Os Chispas”, “Castro Bello” ou “Os Entreamigos” aínda gardaban forzas para animar as rúas da cidade o martes de Entroido, xunto ao espectáculo de humor e maxia para os cativos, na Praza Maior. Superheroes, piratas, debuxos animados de carne e oso, forzas de seguridade, protagonistas de cine e personaxes televisivos aproveitaban os últimos coletazos para deixarse ver por Ourense, previa chegada do mércores de Cinza.
O Enterro da Sardiña supuxo no día de onte un inmellorable colofón para un Entroido que milleiros de ourensáns e ourensás e visitantes á nosa cidade non querían despedir e tardarán en esquencer. Así o amosaron coas súas longas bágoas durante o cortexo fúnebre e a concentración na Praza Maior, na que as carpideiras se laiaron dabondo coa queima da Sardiña.
As Festas da Pita en Eiroás, o Entroido de Seixalbo e a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte responderon aos seus tradicionais actos, estendendo a participación cidadá aos barrios da cidade que fan do Entroido, ano tras ano, a Festa Grande da nosa cidade.











