O Concello de Ourense adxudica as obras de construción dun novo vial de acceso ao barrio do Cuco por 262.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O proxecto de construción dun novo acceso ao barrio do Cuco deu un paso adiante esta mañá coa aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da ordenación decrecente das ofertas das empresas que concurriron ao concurso convocado polo Concello para executar as obras, que tiñan un orzamento de licitación de 350.000 euros.

Presentáronse un total de 37 empresas e a mellor oferta foi a realizada por Construcións Boalva, S.L., que propuxo realizar as obras do proxecto de urbanización do vial de acceso ao barrio do Cuco por un importe de 262.080 euros, o que supón unha baixa do 25,12% respecto ao orzamento de licitación.

No seu acordo, a Xunta de Goberno Local aproba requirir a esta empresa para que no prazo de 10 días presente a documentación necesaria para proceder á adxudicación e iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 3 meses.

A realización desta obra resolverá os problemas que hoxendía teñen os veciños do barrio do Cuco para acceder ás súas vivendas, a través dunha pendente que nalgúns puntos ronda o 35%.

Trala actuación, a pendente de acceso creada terá unha pendente dun 12%. Neste barrio viven actualmente unhas 100 persoas, en 40 vivendas.

O goberno municipal tomou en 2008 a decisión de redactar a modificación do Plan de Urbanismo de 2003 e establecer os trámites necesarios para que puidera ser executable a actuación, que segundo os servizos técnicos era inexecutable segundo o ordenamento en vigor.

Sen embargo, trala anulación do PXOM de 2003, por sentenza xudicial, e a entrada en vigor do PXOM de 1986, se debeu reiniciar o procedemento.

Trala aprobación por parte da Xunta de modificación puntual deste plan, o Concello encargou a redacción do proxecto construtivo, obtivo, non sen dificultade pola complexidade da zona, os correspondentes informes favorables que permitiron aprobar o proxecto e licitar, por procedemento aberto, a execución das obras.

Xestión do albergue de peregrinos

A Xunta de Goberno Local tamén acordou na súa sesión desta mañá non prorrogar o  convenio suscrito entre o Concello e a SA de Xestión do Plan Xacobeo sobre a xestión do Albergue de peregrinos de Ourense.

O goberno municipal adopta este acordo á vista dos informe xurídicos, que advirten que non procede renovar o convenio, xa que a xestión do albergue é unha competencia da Comunidade Autónoma, que exerce a través da SA de Xestión do Plan Xacobeo, que non foi delegada no Concello, nos termos definidos na nova Lei estatal  27/2013 de Racionalización e Sostibilidade das Administración Local.

O goberno municipal considera que o albergue de peregrinos é un servizo fundamental para a promoción turística da cidade, polo que entende necesaria a súa continuidade, pero sempre garantindo a axeitada prestación do servizo e a legalidade do seu desenvolvemento, no marco definido polo nova lei estatal de Racionalización e Sostibilidade.

Neste escenario, existen dúas posibilidades: que a comunidade autónoma exerza a súa competencia de xestionar o albergue, facendo uso do inmoble que para ese destino foi cedido polo Concello no ano 1998, ou ben que a comunidade autónoma delegue a competencia no Concello de Ourense, incluindo tamén a aportación económica necesaria para garantir a súa axeitada prestación, nos termos previstos na Lei de Racionalización.

20 de marzo de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.