O Concello de Oroso insta a potenciar a promoción turística e económica do Camiño Inglés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A corporación municipal de Oroso aprobou unha proposta do grupo de goberno coa que se insta á Deputación da Coruña e á Xunta de Galicia a potenciar a promoción turística e económica do Camiño Inglés, que discorre polo municipio. A iniciativa recibiu os votos favorables de PSOE, PGD e BNG, e o voto negativo do PP.

O tenente de alcalde Antonio Leira, que como deputado provincial defendeu esta mañá no pleno da Deputación a mesma proposta, explica que a Deputación debería acometer un plan de promoción desta ruta xacobea “porque o Camiño Inglés é o único que discorre integramente pola provincia”. Para Leira, a administración provincial coruñesa debería tomar exemplo das de Lugo e Pontevedra, que se puxeron á cabeza da promoción dos Camiños do Norte e Portugués, respectivamente.

En canto á administración autonómica, o pleno de Oroso reivindica unha maior limpeza, mantemento e sinalización do itinerario, ademais do establecemento de programas de cooperación da Xunta co Reino Unido e cos países nórdicos, que por razóns históricas son os lugares tradicionais de procedencia dos peregrinos do Camiño Inglés. Esta ruta, con dúas variantes desde Ferrol e desde A Coruña que se unen en Hospital de Bruma (Mesía), incrementou un 31,5% o número de camiñantes en 2012 con respecto ao ano anterior, chegando ata os 3.577 sen ningún tipo de campañas de apoio ou divulgación por parte das institucións públicas.

O grupo municipal do PP tratou de xustificar o seu voto negativo en que non ve procedentes as peticións á Deputación, que na súa opinión si está traballando na promoción do Camiño Inglés. Antonio Leira fíxolle ver que “a Deputación, aínda que non estea mirando para outro lado, debería involucrarse nesta cuestión cun esforzo adicional” porque “por exemplo, non hai ningún folleto turístico no que estea apostando polo Camiño Inglés cando debería estar á cabeza da promoción”.

O PGD propuxo incluír tamén a petición de construción dun albergue de peregrinos en Sigüeiro, que a Xunta ten pendente desde hai un lustro. Con respecto a este proxecto, o tenente de alcalde explicou que “estamos facendo o que temos que facer e seguiremos pelexando por que a Xunta constrúa o albergue”. Sen embargo, a proposta non se incorporou no acordo final porque “a filosofía da moción é a promoción do Camiño Inglés co mesmo énfase que as demais rutas do Xacobeo”.

Iniciativa lexislativa polo dereito á vivenda

A segunda e derradeira moción que se debatiu no pleno ordinario de marzo foi a presentada polo BNG en apoio dunha iniciativa lexislativa popular para garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna. A proposta reclama, entre outras medidas, paralizar desafiuzamentos, impulsar programas de aluguer social, e a expropiación de vivendas a bancos, filiais inmobiliarias e outras persoas xurídicas propietarias das casas en proceso de execución hipotecaria ou embargadas por mor da crise económica. A moción foi aprobada por unanimidade.

Sogama

Durante a quenda de rogos e preguntas, o alcalde, Manuel Mirás, insistiu en calificar como “moi grave” a decisión unilateral da Xunta de subir nun 34,5% o canon que os Concellos lle pagan a Sogama polo tratamento do lixo. Mirás asumiu que, se non hai cambios, o Concello terá que acatar esta suba. De todos os xeitos, advertiu que o modelo de Sogama “é un fracaso absoluto e o goberno de Feijóo leva cinco anos sen facer nada por mellorar o sistema de tratamento”. O rexedor de Oroso coida que “o futuro é prescindir de Sogama” con apostas pola compostaxe e a reciclaxe, xa que ademais “Sogama é un timo porque cobra por tratar o lixo e boa parte del non o trata, senón que o deposita en vertedoiros”.

Cordialidade

Por último, cabe indicar que todos os grupos municipais coincidiron na necesidade de rebaixar a tensión política que viviu a corporación en sesións plenarias previas e apostaron por retomar a “cordialidade” que, pese ás discrepancias, normalmente caracterizas relacións entre eles.

28 de marzo de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.