O Concello de Nigrán solicita a Costas a reparación dos danos polos temporais no Paseo de Panxón
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, solicita á Xefatura Provincial de Costas a reparación total dos danos ocasionados polos fortes temporais deste inverno no Paseo de Panxón. A proposta do goberno municipal, que será trasladada aos portavoces dos grupos políticos da corporación o vindeiro luns nunha reunión informativa, baséase na reconstrución do muro de contención do paseo tal e como está na actualidade.
Nunha reunión mantida na mañá de hoxe coa máxima responsable de Costas, Cristina Paz Curbera, o rexedor municipal propuxo a esta administración limitar a actuación a reparar o tramo do paseo danado polos temporais, “polo que o trazado e dimensións do paseo non sufrirán ningunha modificación”, puntualiza.
Aínda que as datas exactas do comezo das obras de reparación do paseo aínda non están pechadas, Valverde adianta que tanto desde a Xefatura Provincial de Costas como desde a administración local están a realizarse as xestións oportunas para axilizar os tempos e comezar a actuación canto antes. “As previsións apuntan a que o Paseo de Panxón debería estar reparado e aberto ao público na súa totalidade antes do comezo da tempada estival”, conclúe.
Mellora do espazo dunar
Tras un estudo dos danos ocasionados polos temporais no espazo dunar de Panxón, o rexedor municipal solicitou a Costas a restauración do espazo protexido. Entre os danos detectados destacan a rotura dos valos de protección das dunas e da rampla de acceso á praia, así como outros danos de menor calado na fronte dunar e a limpeza de restos inorgánicos depositados no espazo dunar tras ser arrastrados polo mar.











