O Concello de Neda conmemora con poesía multimedia, teatro e obradoiros de igualdade o Día da Muller
O Concello de Neda conmemorará o Día Internacional da Muller cunha interesante programación que inclúe poesía multimedia, teatro e obradoiros de igualdade. Todo isto, baixo a denominación “Mulleres nas Artes”. Unha programación deseñada pola Concellería de Cultura e Igualdade que dará comezo o venres, 14 de marzo, cunha proposta a cargo de Yolanda Castaño e o seu espectáculo poético multimedia. Un dos rostros máis coñecidos da poesía galega presentará ao público de Neda un novo e atractivo xeito de comunicar os seus versos facéndoos dialogar coa linguaxe audiovisual e as novas tecnoloxías. Un espectáculo dirixido ao público mozo e adulto que dará comezo ás 20,30 horas con entrada libre e gratuíta e que se inclúe no Programa “Ler conta moito”, da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta.
Os actos do Día Mundial da Muller continuarán o 21 de marzo, no mesmo escenario e tamén ás 20,30 horas. A compañía 3DTrans representará a obra teatral “Ride, ride!”, un espectáculo dunha hora de risas garantizadas, onde as súas protagonistas repasarán, co seu particular sentido do humor, o vivido e sufrido durante a súa experiencia televisiva. E é que 3DTrans está integrada por Sabela Amado Rojo, Cristina Mariño e Cristina Moreira, recentes gañadoras do concurso cómico “Os Humorosos” do programa Luar da TVG.
O programa “Relacións afectivas en igualdade” completa o calendario. Dirixido ao alumnado de primeiro e segundo de Secundaria e primeiro de Bacharelato do IES Fernando Esquío. Obradoiros de dúas horas de duración impartidos pola educadora familiar Celia Sabín Vázquez e a animadora sociocultural Natividad Villaamil Abad.











