O Concello de Mos trata de buscar recursos para a mellora integral dos viais interiores dos parques empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Medio Ambiente e Urbanismo mosense, Julia Loureiro, informou hoxe de que o Concello de Mos opta a unha das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais ofertadas pola consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Estas axudas teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2014.

No tocante ó municipio de Mos, en caso de lograr ser beneficiario da devandita subvención, as melloras que se acometerían serían na infraestrutura viaria interior dos parques empresariais de Veigadaña, Rebullón e Monte Faquiña; xa que dentro das actuacións e gastos subvencionables obxecto destas axudas atópanse as actuacións nas redes viarias, tanto de acceso como interiores dos parques empresariais.

As obras concretas que se executarían no polígono da Veigadaña de ser concedida a axuda serían o asfaltado dun vial que actualmente se atopa sen asfaltar, o pintado de dito vial e repintado varios outros onde, actualmente, as marcas viais están borradas, sinalización vertical con sinais de chapa e instalación dun redutor de velocidade. O orzamento total destas obras ascende a 50.637,74 euros.

No caso de Monte Faquiña os traballos que se levarían a cabo coa subvención de Industria serían fresar e reasfaltar aquelas zonas que se atopan en peor estado, desbrozar cunetas e facelas de obra, para evitar os encharcamentos dos viais que se veñen producindo dende hai anos, arranxar pequenos tramos de beirarrúas que na actualidade están impracticables a pé, e repintar e sinalizar varios viais para mellorar a seguridade vial da zona. O importe total destas obras acende a 45.875,21 euros.

Por último, a mellora dos viais interiores do polígono do Rebullón consistiría en fresar e reasfaltar aquelas zonas que se atopan en peor estado, refacer a separación entre parcelas e viais, instalar tuberías de PVC de 315 mm para recollida de pluviais e sacar da estrada auga da choiva, e repintar e sinalizar varios viais para mellorar a seguridade vial da zona; precisando estas obras unha inversión de 53.416,42 euros.

Deste xeito, cun aporte económico total de 149.929,37 euros acometeríase a mellora integral dos viais interiores de tres dos principais parques empresariais do termo municipal mosense.

21 de marzo de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.