O Concello de Mos rexistrou danos por valor de 250.000 euros a causa dos catro últimos meses de temporais
Dende os departamentos municipais de Vías e Obras e Alumeado, que dirixen os concelleiros mosenses Alberto Méndez e Luis Alonso, respectivamente, fíxose esta mañá balance dos danos causados pola pasada racha de temporais, -que hoxe comeza a remitir-, dentro das fronteiras do termo municipal durante estes últimos meses nos que o Concello de Mos viu sufrindo as inclemencias meteorolóxicas. A valoración total dos desperfectos ascende a 250.000 euros.
A caída de árbores foi un dos problemas máis acuciantes, producindo como consecuencia cortes do tránsito rodado en estradas e outros viais, rotura de liñas eléctricas, telefónicas e de alumeado público. As inclemencias do tempo tamén produciron derrubamentos de terras e desbordamentos de arroios e cunetas, debido ás altas cantidades de augas pluviais caídas.
Precisamente, tan só en desperfectos na rede municipal de alumeado, sumáronse perdas por valor de 20.000 euros. Os danos causados afectaron principalmente ós postes de alumeado público, farolas, cableado e cadros eléctricos que resultaron queimados pola tormenta.
O edil Luis Alonso informou hoxe de que a meirande parte destes desperfectos en materia de alumeado, valorados en 20.000 euros, atópanse xa reparados e que os que quedan pendentes atoparanse íntegramente arranxados a finais do presente mes de marzo, sempre que o permita a meteoroloxía. Estes traballos de reparación da rede eléctrica pública están a ser acometidos con fondos propios municipais, aínda que dende a concellería de Alumeado espérase poder optar a algunha subvención ofertada por outras administracións para a reparación de danos froito de catástrofes meteorolóxicas.
En canto ós problemas no alumeado público destacar tamén o cadro eléctrico da parroquia de Cela que foi queimado por un raio de tormenta e deixou transitoriamente á parroquia sen sistema público de alumeado. A parroquia de Cela resultou ser, por varios motivos, unha das máis perxudicadas polos temporais destes últimos catro meses, xa que á avería no alumeado público súmaselle o afundimento dunha estrada que aínda permanece cortada. Para a reparación do firme desta estrada, Generoso Domínguez no barrio de Coto, o Concello ten elaborado xa un proxecto cuxo orzamento de execución ascende a 103.564,73 euros e que lle será inminentemente remitido á Deputación de Pontevedra para adherirse á liña de subvencións urxentes da que a administración provincial dispón en casos de catástrofes naturais.
Este vial viuse afectado por desprendementos de terras causados polas intensas choivas, rexistrándose nel os conseguintes afundimento e desprazamento da traza debidos á filtración e ó empuxe de acumulación de auga. O tramo afectado e que se procederá a reparar conforme ó proxecto elaborado, corresponde a un lugar de conexión entre núcleos habitacionais e cunha circulación de vehículos moi importante, incluído transporte escolar, polo que urxe acometer as obras de reparación para devolver dita zona ó seu fluxo habitual de tránsito de vehículos e peóns. Os traballos incluirán movemento de terras e demolicións na infraestrutura actual, drenaxes, acometida de cunetas, pavimentación e contención de terras.
A estrada Generoso Domínguez discurre de norte a sur conectando a parroquia de Tameiga coa estrada autonómica PO-331 e trátase dun vial de oito metros de anchura que discurre uniforme en todo o tramo de actuación.
Atendendo ós danos noutras parroquias mosenses mencionar a de Tameiga, onde unha edificación sufriu desperfectos na fachada coa rotura dunha galería con risco de desplome; e noutros lugares víronse afectadas algunhas cubertas de construccións, coma na zona de Puxeiros, onde voaron tellas e pranchas metálicas.
Os sucesivos temporais tamén motivaron algúns accidentes de tráfico na autovía A-55 e en vías do interior do Concello de Mos. Durante os pasados meses de novembro, decembro, xaneiro e febreiro rexistráronse na localidade de Mos un total de 166 sinistros de tráfico nos que interviu o Servizo Municipal de Emerxencias.
E por último citar as intervencións por causas meteorolóxicas nas que colaboraron o Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que foron un total de 99: 6 intervencións en anegamentos, 56 intervencións varias, 5 derrubamentos e corrementos, e 32 outras tarefas municipais. Nestas intervencións participaron un total de sobre 15 persoas pertencentes ó Servizo Municipal de Emerxencias e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que ademais contaron co apoio e axuda de varios operarios municipais.











