O Concello de Monforte renovará o colector da rúa Rof Codina a vindeira semana
Veciños e veciñas desta rúa entrevistáronse co alcalde hai unhas semanas e formuláronlle a necesidade de levar a cabo a renovación do actual colector, xa que rexistraba filtracións e orixinaba diversos problemas. Severino Rodríguez comprometeuse a realizar esta actuación en canto o clima o permitira e as obras comezarán o luns día 17 de marzo.
Aproveitando esta actuación, o Concello tamén renovará a rede de abastecemento de auga na marxe esquerda de Rof Codina.
Os traballos afectarán á rede de saneamento da marxe esquerda da rúa (números impares) e consistirán no levantamento da beiravía e a posterior apertura da gabia que permita retirar o colector actual e a colocación dun novo, de PVC e 250 mm. de diámetro. Rematada a instalación da nova rede de abastecemento e do novo colector, devolverase a beiravía ó seu estado orixinal coa colocación de novas baldosas.
Dende a concellería de Obras pídese á veciñanza que non estacionen vehículos na rúa Rof Codina a partir do domingo pola noite, coa finalidade de permitir que as obras comecen sen atrancos a primeira hora do luns. A Policía Local distribuirá papeletas advertindo desta situación entre os vehículos que habitualmente aparcan nesa rúa.











