O Concello de Monforte aforrou 74.883 euros no custo da iluminación pública durante o pasado ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

As medidas de aforro enerxético postas en marcha polo Concello, xunto ó provisional apagado de puntos de luz, deron resultado positivo durante o ano 2013, logrando aforrar preto de 75.000 euros na factura da iluminación pública.

A concellería de Servizos Municipais dispón dunha base de datos na que figuran tódalas facturas de cada un dos 219 subministros de iluminación pública emitidas pola empresa comercializadora. Estas facturas sométense a un proceso de estudo e revisión do que se obteñen os datos sobre o consumo enerxético.

Segundo estes datos, o importe económico das facturas que corresponden ós 12 meses do ano 2013 e a súa comparación coas do ano natural do 2012 é o seguinte:

Importe total (€) xaneiro – decembro 2013: 294.387,29 €

Importe total (€) xaneiro – decembro 2012: 369.270,21 €

Aforro conseguido: 74.882,92 € (20,3 %)

Estes datos do prezo real da enerxía eléctrica consumida durante a pasada anualidade, melloran as previsións que facía públicas a concellería de Servizos Municipais a comezos de novembro do ano 2013. Segundo estas previsións, estimábase que o importe total das facturas dende xaneiro ata decembro do 2013 oscilaría entre os 305.000 e os 315.000 €.

O aforro na facturación ten máis valor se temos en conta a suba do IVE nun 3 %, subida que no ano 2012 só afectou á facturación dos tres últimos meses do ano. Tamén debemos valorar o incremento do prezo da enerxía eléctrica durante o ano 2013.

Respecto do prezo da enerxía, o ano 2013 foi un ano de continuos cambios: no primeiro trimestre o prezo subía un 3 % respecto do derradeiro trimestre do ano 2012; no segundo trimestre baixaba un 6,6 %; no terceiro trimestre volvía subir un 4,2 %; e no derradeiro trimestre do 2013 o prezo da enerxía incrementábase nun 3,1 %.

Na derradeira sesión plenaria entregouse ós grupos políticos un informe da Intervención Municipal sobre o custo das facturas de enerxía eléctrica pagadas durante o ano 2013. Este informe recolle as facturas pagadas nesta anualidade pero que corresponden ó período que vai dende decembro do ano 2012 a novembro do ano 2013 (12 meses). Este informe tamén recolle facturas, por valor de 100.000 euros, que se abonaron durante o ano 2013, pero que non corresponden ó mesmo.

O pago destas facturas atrasadas débese, exclusivamente, a unha deficiente xestión na facturación por parte da empresa subministradora.

De tódalas maneiras, se comparamos o prezo das facturas pagadas polos servizos económicos do Concello no ano 2012 (440.011 € correspondentes a 13 meses), e no ano 2013 (417.660 € correspondentes a 12 meses), obtemos un aforro de 22.351 €.  

A concellería de Servizos Municipais continua centrando os seus esforzos na paulatina redución da potencia das lámpadas nos lugares onde hai un maior consumo, considerando o apagado de puntos de luz como unha solución provisional.

5 de marzo de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.