O Concello de Lousame realizará as obras de mellora nos campos de fútbol de Cabanetán e do Cruído

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame vai acometer melloras nos campos de fútbol municipais de Cabanetán (Lesende) e de Cruído (Lousame), despois de que técnicos especialistas visitasen durante esta semana ambos campos. As primeiras actuacións terán lugar no campo de Cruído, onde hai unha zona que se vai repasar e nivelar, aínda que será preciso agardar a que o terreo estea totalmente seco para poder traballar con eficiencia.

Mentres tanto, a empresa xa procedeu a iniciar os traballos para mellorar a drenaxe do campo e evitar que fortes e constantes choivas como as caídas nos últimos dous meses poidan afectar ás instalacións. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “imos colocar conducións en pedra para facilitar a evacuación da auga da choiva”. Unha vez rematados os traballos, colocarase unha rede perimetral na instalación.

Cabanetán

Así mesmo, Teresa Villaverde adianta que “durante o verán imos proceder a descompactar o campo de fútbol de Cabanetán (Lesende) de cara a mellorar as condicións do terreo de xogo”. Técnicos especialistas visitaron esta semana o campo, onde comprobaron que o terreo de xogo dispón de ata tres tipos de caucho diferentes, pero que precisa dunha descompactación da súa base despois de anos de funcionamento.

De feito, a compactación da base do campo impide unha rápida drenaxe do mesmo, xa que preto do 20% da auga que se evacúa cara os laterais vai por debaixo do céspede. Iso ocasiona que en épocas de moita choiva como as vividas nas últimas semanas o campo tardase moito máis en evacuar a auga e se formaran pozas. “Unha vez realizadas as tarefas de descompactación será cando se determine a cantidade de caucho que é preciso achegar”, explica Teresa Villaverde.

Finalmente, e por recomendación dos técnicos, o Concello de Lousame tamén aplicará un herbicida de absorción foliar nas esquinas do campo e detrás das porterías para eliminar malas herbas que medraron nos últimos tempos no campo de Cabanetán e que poden deteriorar o céspede artificial. Por outra banda, o Concello procederá de inmediato ao arranxo dun dos postes que suxeita a rede exterior do campo de fútbol, que foi soldado hai unhas semanas pero que volveu romper coas últimas cicloxéneses.

12 de marzo de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.