O Concello de Lousame colaborará con ARCA para instalar un refuxio para animais no municipio
O Concello de Lousame está a colaborar coa asociación protectora de animais ARCA para asentar un refuxio para animais no municipio. “Presentáronos un proxecto moi interesante e pedíronos un terreo onde instalar as súas instalacións para recoller e rehabilitar animais abandonados, que despois recolocan en adopción”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante a sesión plenaria celebrada na noite de onte xoves.
Unha colaboración que se iniciou no último trimestre de 2013 e que mesmo incluíu a celebración do primeiro macromercadillo solidario por parte de ARCA no polideportivo de Lousame, un evento no que se lles atopou un fogar e unha familia a moitos dos animais recollidos por esta asociación. Así mesmo, Villaverde explicou que “puxemos á súa disposición as instalacións no Iroite, para que puideran ter aló uns cans que non podía acoller nas casas de acollida que teñen na comarca, e mesmo pensamos na posibilidade de que podería ser un bo lugar para acoller este refuxio, aínda que dende ARCA prefiren outra ubicación cun acceso máis doado e estamos barallando opcións”.
Proxecto de ARCA
Entre o público da sesión estaban presentes a presidenta de ARCA, Luísa Santos; a tesoureira, Elvira Sierra; e o voceiro da asociación, Luís Miguel López; que agardaron ata o remate do pleno para presentar o proxecto a todos os concelleiros. “Estamos contactando con los Concellos de Lousame, Noia y Porto do Son para concienciarlos de la importancia de adaptar sus normativas al marco legal europeo en materia de protección de animales, pues la simple existencia de un registro de mascotas evitaría muchos problemas de abandono de animales”, explicou Luís Miguel López.
Así mesmo, sinalou que “nosotros trabajamos con casas de acogida de los voluntarios para recuperar a los animales, por eso hablamos de un refugio y no de una perrea, donde después de unos días los animales son sacrificados”. Por iso, Luís Miguel López plantexou a necesidade de “disponer de unas instalaciones lo más accesibles posibles para todo el mundo”, cousa que neste intre non sucede no Iroite, aínda que recoñeceu que “las instalaciones son viables, pero ha llovido mucho en los últimos meses y es complicado acceder a ellas”.
Pola súa banda, Luísa Santos presentou o proxecto “Basta xa”, explicando que “pretendemos que cada concello nos pudiese dejar un lugar que sirviera como minirefugio, al que se dirigirían los 50 voluntarios que tenemos y que serían los que se encargarían de cuidar de los animales”. Ademais, adiantou que “queremos hacer charlas de concienciación en colegios y centros de mayores para evitar el abandono de animales”. Todos os grupos municipais amosaron o seu apoio á iniciativa de ARCA e a alcaldesa de Lousame explicou que o Concello colaborará facilitando un depósito de auga para as instalacións.
Liquidación
No que atinxe á sesión plenaria, Teresa Villaverde presentou os datos da liquidación do orzamento de 2013, que cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite de débeda, que se sitúa no 20,26%. Villaverde destacou que o Concello de Lousame ten un remanente de Tesourería de 266.412,06 euros e explicou que “recolle un aforro global superior ao previsto inicialmente no Plan de Axuste”, o que demostra a boa xestión realizada no municipio. Finalmente, anunciou que no Plan Orzamentario ata o ano 2017 tamén se cumprirán os principios de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda. Ademais, Villaverde confirmou que “no 2015 se prevé reintegrar a paga extra dos traballadores municipais”.
Por un principio de prudencia económica, o Concello de Lousame contabilizará 199.578 euros como saldos de dubidoso cobro e reservou 23.315 euros para as obras do viario entre Confurco e Ces, polo que o remanente de tesourería para gastos xerais quedou en 43.417 euros. Despois da dación de conta da liquidación, o pleno aprobou (cos 7 votos a favor do grupo de Goberno e as 3 abstencións dos grupos da oposición) un expediente de modificación de crédito e o seu correspondente recoñecemento extraxudicial de crédito para destinar o remanente de tesourería para gastos xerais. Así mesmo, aprobáronse dúas modificacións máis para reposición e mantemento de cadros eléctricos e pago de facturas pendentes do último mes de 2013 (por valor de 4.000 euros).
Ordenanzas
Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade o cambio na ordenanza reguladora do servizo de axuda no Fogar e o seu prezo público. Teresa Villaverde explicou que “deste xeito se inclúen toda a carteira de servizos xa que non é o mesmo servizo e atención a que precisa unha persoa con deficiencia auditiva que unha persoa con outra discapacidade”. Ademais, explicou que o cambio nos prezos públicos beneficiará aos veciños e veciñas de Lousame “pois se antes achegaban o 15%, agora aportarán o 10%”.
O pleno tamén aprobou por unanimidade a Ordenanza para regulación de animais potencialmente perigosos, desestimando as alegacións presentadas polo Partido da Terra de Vilacoba e seguindo as recomendación do asesor xurídico. Así mesmo, aprobouse por unanimidade a Ordenanza reguladora de tala, saca, depósito e transporte de madeira, logo de estimárense dúas alegacións. A primeira alegación aceptada foi a da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Mancomún, que pediu a retirada da palabra “Repoboación” do título da ordenanza. Unha alegación que foi aceptada xa que a inclusión dese termo foi un erro. Ademais, aceptouse parcialmente a alegación da Confederación de Empresarios da Madeira, de xeito que aquelas empresas que teñan ao día o seu Seguro de Responsabilidade Civil non estarán obrigadas a presentar unha fianza adicional pola tala, saca, depósito e transporte de madeira. Unha obriga que tamén afectará ás empresas que sexan subcontratadas para facer estas tarefas. As alegacións do Partido da Terra de Vilacoba foron desestimadas xa que foron consideradas erradas, xa que a ordenanza non atinxe en ningún momento ás pistas e camiños forestais, senón que só é utilizada para preservar os camiños e pistas municipais no mesmo estado que estaban antes da realización da tala, corta, depósito e transporte de madeira.
Mocións
Finalmente, na quenda de mocións aprobouse unha moción de Compromiso por Galicia que instaba ao Goberno a estudar a posibilidade de mancomunar o centro de día de Lousame. A moción saíu adiante co voto a favor de CxG e as abstencións do Grupo de Goberno e do PSOE. Teresa Villaverde explicou que “o que pretendemos é que o centro de día pase a pertencer ao Consorcio. Penso que é bo mancomunar servizos e, se non fose aceptado polo Consorcio, pensaríamos en mancomunalo. Pero esperamos que si poida integrarse”.
Finalmente, desestimouse a moción socialista para que a bandeira da II República ondease nalgún edificio público do Concello de Lousame durante o 14 de abril, tal e como solicitaba a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. Teresa Villaverde explicou que “estamos de acordo con conmemorar o 83 aniversario da II República pero a Constitución e o Estatuto indican claramente cales son as bandeiras e os símbolos oficiais, polo que non podemos ondear nun edificio público unha bandeira que non sexa a oficial”. Porén, Villaverde anunciou que o Concello de Lousame celebrará ese luns 14 de abril un acto cultural sobre a II República no que participarán un profesor da USC e un experto da zona para falar sobre aquela época histórica dende o punto de vista da comarca.











