O Concello de Ferrol suprimirá o adoquinado da rúa Sánchez Calviño por un pavimento acorde co tráfico diario
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no local veciñal de Ultramar, que contou coa presenza de membros da directiva da asociación de veciños e tamén doutros residentes no barrio que acudiron a título individual para coñecer de primeira man as intervencións de mellora e conservación levadas a cabo na zona dentro do Plan de Barrios. O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, tamén asistiu a esta xuntanza, en que, como vén sendo habitual no desenvolvemento do Plan de Barrios, tamén participaron os supervisores municipais dos servizos que presta a Administración local: mantemento de viarios, iluminación, abastecemento de auga, limpeza e recollida de lixo, parques e xardíns, conservación de áreas infantís e Policía Local.
Ademais de repasar as diferentes tarefas que durante unha intensa semana de traballo executaron os servizos do Concello e empresas adxudicatarias, Rey Varela anunciou tres grandes obras de mantemento que se acometerán en Ultramar de cara ao verán. Trátase do asfaltado completo de Vila Soedade (valorado en 9.600 euros) e da rúa Bertón (9.800 euros) e a substitución do adoquinado na rúa Sánchez Calviño por outro pavimento máis acorde co importante tráfico diario que soporta este viario (actuación valorada en máis de 70.000 euros). Estas actuacións están programadas atendendo ás demandas dos veciños de Ultramar. Así mesmo, no que atinxe a outro proxecto de cidade que o Goberno Municipal acometerá este ano en Ultramar, a reurbanización e recuperación da praza de Sartaña, o primeiro edil da cidade avanzou que a execución destes traballos se encontran en proceso de licitación.
O respecto dos traballos do Plan de Barrios, algunhas das tarefas máis destacadas foron:
-Reparación de beirarrúas das rúas Bertón, Adolfo Ros, Venezuela, Vila Soedade, Ponzos e Ultramar.
-Limpeza intensiva de todo o barrio, especialmente na praza de Sartaña, o solar detrás de “Valencia”, a parcela interior da rúa Ponzos e nas rúas Bolivia e Adolfo Ros.
-Instalación de novas papeleiras na praza de Porta Nova.
-Parques e xardíns: Poda de arborado e arbustos e plantación de flor de estación nas zonas verdes do barrio.
-Instalación de 14 novos bancos con respaldo na praza de Ultramar; dous en Vila Soedade e outros tantos na rúa Sánchez Calviño.
-Instalación de 12 xardineiras na estrada de Castela.
-Mellora das zonas vedes nas rúas Venezuela e Adolfo Ros.
Ademais, durante as vindeiras semanas se intervirá nos xardíns da praza, coa achega de terra vexetal para dar volume aos xardíns e plantación de especies arbustivas con follas de diferentes texturas, tamaños e cores.











