O Concello de Ferrol solicitará de novo á RAG dedicar o Día das Letras Galegas de 2015 a Ricardo Carvalho Calero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ferrol volverá solicitar formalmente á Real Academia Galega (RAG) que se lle dedique a Ricardo Carvalho Calero o Día das Letras Galegas. O Consello Municipal da Lingua aprobou esta tarde unha declaración en apoio desta demanda que conta co impulso do movemento asociativo ferrolán. No texto ratificado por unanimidade polos membros co Consello –os grupos municipais (o PSOE non asistiu), a Fundaçom Artabria (non participou na xuntanza pero transmitiu o seu apoio por escrito), a MESA e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística- demándase que o filólogo ferrolán sexa merecedor deste recoñecemento o vindeiro ano 2015.

A concelleira de Normalización Lingüística, Martina Aneiros Barros, lembrou que o pasado ano 2013 reactivouse a iniciativa de conseguir un Día das Letras Galegas para Carvalho Calero; remitindo á RAG un acordo plenario neste sentido. Así mesmo, dende a Administración municipal desenvolvéronse diferentes actividades para promover o coñecemento da súa obra e do seu pensamento entre a cidadanía, particularmente, no eido do ensino. Ao igual que entón, o Consello Municipal da Lingua sinala na resolución ditaminada ma reunión extraordinaria celebrada esta tarde que, aínda sendo conscientes das numerosas peticións que recibe a Academia Galega e das moitas posibilidades que hai dentro da riqueza da literatura galega, “é obriga do Concello de Ferrol persistir e seguir facendo camiño co fin de acadar o merecido recoñecemento para a obra e persoa do insigne ferrolán Ricardo Carvalho Calero”.

Na resolución do Consello Municipal da Lingua, que primeiro irá a comisión informativa e posteriormente se elevará ao Pleno para a súa aprobación, destacase a transcendencia de Carvalho Calero no ámbito das letras e para o mundo da cultura en xeral e da lingua galega en particular. Así, apúntase que este filólogo, profesor e escritor nado en Ferrol en 1910 foi considerado o gran pensador do reintegracionismo e ocupou a primeira Cátedra de Lingua e Literatura Galega. Algúns títulos da súa obra literaria son: En poesía: “Trinitarias” e “Vieiros”;  en teatro: “Catro pezas” e “Teatro completo”; en narrativa: “Scorpio e “Xente da Barreira”; e en ensaio: “Do galego e de Galicia”  e “Historia da Literatura Galega Contemporánea”. Ademais, Carvalho Calero foi secretario xeral do Seminario de Estudos Galegos, formou parte do grupo que redactou o Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 e  foi nomeado Fillo Predilecto de Ferro le da Comunidade Autónoma. Entrou na Real Academia Galega o 17 de maio de 1958

12 de marzo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.