O Concello de Ferrol recupera os locais do Centro Comercial Portanova
O Concello de Ferrol avanza na recuperación dos locais pechados e que non abonan as tarifas que lle corresponden do Centro Comercial Portanova, co obxectivo de iniciar a licitación dun novo proceso de concesión da xestión e explotación deste equipamento. Así, o concelleiro responsable da área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos, informou en comisión informativa da extinción dos dereitos de explotación dos locais comerciais do centro que non están en funcionamento –todos agás cinco que manteñen a súa actividade-, así como da resolución ditada pola Dirección General de los Registros y del Notariado que estima la inscrición no Rexistro da Propiedade deste centro por parte de la Administración municipal, quedando así resolto de maneira definitiva o contrato subscrito no seu día coa empresa que explotaba o devandito centro comercial: Ferrolterra Superficies Comerciales S.L.
Langtry Caínzos sinalou que conseguir que o Concello de Ferrol recuperará a xestión do Centro Comercial Portanova “non foi fácil, posto que levamos case un ano recollendo a información e contratos da concesionaria e dos operarios dos negocios pechados nunha tarefa que resultou con máis problemas que facilidades”. Unha vez completado este proceso –soamente resta recuperar un negocio dos que están pechados e nestes momentos está aberto o período de alegacións por parte do operario- o Concello de Ferrol poderá levar a pleno a recuperación de todos os locais de Portanova. “A pretensión deste Goberno Municipal é licitar de novo a concesión para que este centro comercial funcione verdadeiramente como dinamizador do barrio, que xere actividade e emprego”, sinalou o edil ferrolán. Ao respecto, o titular de Economía explicou que “co obxectivo de que non se produzan trabas no proceso de licitación queremos primeiro ter todo ben documentado, con todos os locais recuperados e poder sacar a concurso de novo a xestión e explotación do centro comercial para que se presenten proxectos viables e atractivos que fagan que este centro comercial sexa referente na zona”.
IBI de Navantia
Por outra banda. Langtry Caínzos deu conta do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula unha sentenza anterior que lle daba a razón a Navantia en relación ao Imposto de Bens Inmobles correspondente ao exercicio 2009. “O criterio do Concello de Ferrol é que cando Navantia fabrica barcos para a defensa nacional pode estar exenta do pago do IBI, non así no que atinxe a actividades no estaleiro que non están directamente afectas á defensa nacional”, manifestou o concelleiro de Economía.
Langtry Caínzos lembrou, así mesmo, que será o Tribunal Europeo o que teña a última palabra sobre o IBI de Navantia, cuxa liquidación recorre de maneira sistemática a compañía. “Será o Tribunal Europeo o que indique o camiño a seguir e determine se Navantia ten ou non que pagar o IBI en actividades que non estean directamente afectas á defensa nacional”.











