O Concello de Ferrol organiza charlas nos catro comedores sénior da cidade sobre hábitos de vida saudables
A concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, organiza a vindeira semana unhas charlas informativas sobre hábitos de vida saudables dirixidas aos usuarios dos catro comedores Sénior cos que conta na cidade. Esta actividade é posible grazas ao convenio de colaboración asinado polo Concello de Ferrol e o Servizo Galego de Saúde (SERFAS) para colaborar na formación dos enfermeiros internos residentes da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Un acordo pioneiro en Galicia que permite que enfermeiros colaboren coa Área de Benestar Social de Ferrol e estes completen así a súa aprendizaxe.
Froito desta colaboración realizarase a primeiras das actividades que consistirá en charlas informativas nos Comedores Sénior do Concello de Ferrol por parte do enfermeiro que na actualidade colabora cos servizos sociais municipais. Estas charlas – coloquio céntranse na importancia dos hábitos de vida saudables, que constitúen a mellor forma de prevención de dependencia nos maiores. Neste sentido, cómpre ter en conta que os principais procesos xeradores de dependencia teñen que ver con enfermidades crónicas e as súas secuelas. Así, e segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a metade dos factores de risco para o desenvolvemento destas enfermidades están estreitamente relacionadas cos hábitos de vida en canto a alimentación e actividade física.
A primeira destas charlas terá lugar no Comedor Sénior do barrio de Caranza, o luns 24 de marzo; e continuaranse nos comedores sénior de Río Xubia –o martes 25-; Esteiro –o mércores 26-; e finalmente o Comedor Sénior de San Pablo-Catabois –o xoves 27 de marzo-.











