O Concello de Ferrol habilita autobuses gratuítos para o concerto de Ainhoa Arteta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Auditorio de Ferrol acollerá o vindeiro venres, día 4 de abril, o primeiro concerto na cidade da prestixiosa soprano Ainhoa Arteta, a cantante lírica española de maior proxección internacional na actualidade. Con motivo deste concerto, que ademais supón o inicio do ciclo “Ferrol en clave lírica” que tamén traerá ao Auditorio os barítonos Juan Jesús Rodríguez (14 de xuño)  e Borja Quiza (18 de outubro), o Concello de Ferrol habilita un servizo de autobuses lanzadeira que farán o traxecto dende a praza de Galicia até o Auditorio.

O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, informou hoxe que o público que asista este venres ao concerto de Ainhoa Arteta terá a súa disposición autobuses que sairán una hora antes do inicio do evento  da praza de Galicia –a partir das 19.30 horas-; así como servizo de regreso dende o Auditorio até a praza de Galicia ao remate do concerto, a partir das 22.00 horas e até as 23.00 horas. Son autobuses gratuítos e os usuarios dos mesmos soamente terán que presentar a súa entrada.

A día de hoxe, o que será o único concerto de Ainhoa Arteta en Galicia leva vendidas  cerca  de 700 entradas; quedando soamente dispoñibles 210, segundo os datos facilitados esta mesma mañá polo despacho do Teatro Jofre, punto de venda. As persoas que desexen adquirir entradas de maneira anticipada poden facelo a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultura ou destacado de Programación Cultural); ou ben no propio despacho do Teatro Jofre. O prezo das entradas é de 15 euros.

Repaso ao mellor da lírica

Ainhoa Arteta, a grande cantante española dos nosos días, debuta en Ferrol semanas antes do seu próximo gran compromiso no Teatro Real de Madrid, a estrea da ópera “Los cuentos de Hoffmann” de Offenbach. A soprano cantará no Auditorio de Ferrol tralo seu recente éxito en Italia con “Tosca” de Puccini.

A intérprete tolosarra, que ademais presenta en TVE-2 o programa “El Palco”, dará en Ferrol o seu único concerto programado en Galicia, cun recital no que ofrecerá un repaso polo mellor da canción lírica española con acompañamiento pianístico.

31 de marzo de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.