O Concello de Ferrol difundirá o programa ‘Vacacións en Paz’ entre os centros educativos
O Concello de Ferrol fará especial fincapé nos centros educativos do municipio para difundir a próxima edición do programa “Vacacións en Paz”, que permite a nenos e nenas saharauís pasar o verán na nosa cidade con familias de acollida. O obxectivo é chegar aos pais e nais do alumnado para aumentar o número de familias de acollida. Así o explicou a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, na comisión informativa da área celebrada hoxe.
O Concello de Ferrol vén colaborando coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí nesta iniciativa que facilita que menores procedentes dos campamentos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) pasen os meses de xullo e agosto en Ferrol. Ademais de gozar dunhas condicións meteorolóxicas non estremas –as temperaturas nos campamentos de refuxiados na temporada estival superan con asiduidade os 50 graos centígrados-, a través deste programa os beneficiarios reciben asistencia médica e una alimentación saudable, perfeccionan a aprendizaxe doutro idioma e se lles ofertan alternativas de ocio e tempo libre. Así mesmo “Vacacións en Paz” tamén promove entre as familias de acollida valores de tolerancia e solidariedade, facilitando así a convivencia e a integración destes menores.
O Concello de Ferrol, ademais de colaborar coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, aporta por cada menor que participe no programa 890 euros. Dita cantidade inclúe: billete de ida e volta dende Tindouf até Santiago; póliza de seguro de responsablidade civil, seguro colectivo e de repatriación; gastos de billetes de acompañantes e manutención e traslados dende o aeroporto a Ferrol e regreso ao rematar a convivencia.











