O Concello de Cangas publica as bases para participar nos ‘Premios da Cultura 2014’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Co obxectivo de incentivar, cohesionar e, ao mesmo tempo, recoñecer publicamente o labor de numerosas persoas e colectivos do noso Municipio que desenvolven un traballo inxente a prol da nosa Cultura, do noso Patrimonio e da Creación Artística, en calquera das súas múltiples facetas, o Ilmo. Concello de Cangas creou institucionalmente os Premios de Honra; e no presente exercicio 2014 a Concellería de Cultura, Educación, Patrimonio, Xuventude e Voluntariado desenvolve de acordo coas seguintes bases:

PREMIOS:

1.- PREMIOS “XOHAN DE CANGAS”:

1 – 1.A .- “PREMIO XOHAN DE CANGAS A LABOR  CULTURAL” á persoa,  colectivo ou entidade pública ou privada que se veña significando polo seu traballo na defensa e promoción da nosa Cultura en calquera dos seus eidos: música, baile, danza, audiovisuais, teatro, canto, animación sociocultural, tradición oral, cultura popular, etc.

2 – 1.B.- “PREMIO XOHAN DE CANGAS Á CREACIÓN  LITERARIA” á persoa,  colectivo ou entidade pública ou privada que se teña significado pola súa obra de creación en calquera das facetas da literatura.

3 – 1.C. “PREMIO XOHAN DE CANGAS  MÚSICA, á persoa,  colectivo ou entidade pública ou privada que se teña significado pola súa obra de creación, difusión ou recuperación en calquera das facetas da música.

4 – 1.D   “PREMIO XOHAN DE CANGAS ARTES ESCÉNICAS E AUDIOVISUAIS” á persoa,  colectivo ou entidade pública ou privada que se teña significado pola súa obra de creación, difusión e recuperación en calquera das facetas das artes escénicas e audiovisuais.

5 – 1.E   “PREMIO XOHAN DE CANGAS  A ARTES PLÁSTICAS” á persoa,  colectivo ou entidade pública ou privada que se teña significado pola súa obra de creación, difusión e recuperación das artes plásticas.

2.- PREMIO “IGNACIO CERVIÑO Á RECUPERACIÓN / PROMOCIÓN DO PATRIMONIO”

Dirixido a todas ás persoa,  colectivos ou entidades públicas ou privadas que se teñan distinguido por desenvolver iniciativas de investigación, recuperación, posta en valor, promoción… do noso Patrimonio histórico, artístico, documental, medioambiental ou arquitectónico.

Neste apartado poderán ser premiadas tamén obras concretas que vaian en consonancia co obxecto do premio.

BASES:

1.- Os premios consistirán nun recoñecemento oficial, non levando aparellada  remuneración económica.

2.- Poderán presentar candidaturas  todas as asociacións culturais, veciñais, artísticas e sociais do Municipio de Cangas, así como todos os partidos políticos e grupos municipais da Corporación canguesa, ata o 15 de abril de 2014. As candidaturas debidamente motivadas presentaranse por escrito e asinadas polo promotor no Auditorio Municipal de Cangas, ou por correo electrónico: cultura@cangas.org

3.- De entre todas as candidaturas, escollerá as gañadoras un xurado composto polos membros seguintes:

– * O Concelleiro de Cultura, Xuventude, Patrimonio, Xuventude e Voluntariado, que presidirá o xurado.

– *  Tres persoas de recoñecido prestixio, que non sexan candidatas na mesma edición e preferentemente premiados/as anteriormente. Estas persoas serán nomeadas polo Sr. Concelleiro de Cultura a proposta do seu Equipo Técnico.

– * Os/as seguintes técnicos/as da Área de Cultura, Educación e Patrimonio:

– O/a Técnico/a responsable da área de Educación.

–  O/a Técnico/a responsable do Auditorio Municipal.

– O/a Técnico/a responsable da área de Arte e Patrimonio.

– O/A Director/a do Conservatorio ou da Escola de Música.

– Un/ha técnico cultural adscrito/a ao Departamento de Cultura.

– Un/ha bibliotecario/a responsable da Biblioteca Central ou das Parroquiais, escollido/a entre eles. 

– * O/A técnico/a responsable da área de Urbanismo.

Entre todos os membros do xurado escollerán un/unha secretario/a que actuará con voz e con voto e que levantará acta dos acordos.

4.- Os galardóns entregaranse na “Gala da Cultura” que se celebrará no Auditorio Municipal o sábado, 17 de maio de 2014 “Día das Letras Galegas” .

12 de marzo de 2014 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.